A Fundación Antonio Fraguas convoca a XII edición do seu proxecto didáctico co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da fundación presentaran hoxe no Museo do Pobo Galego as bases da convocatoria

O obxectivo do certame é favorecer o achegamento dos escolares á lingua, á etnografía, á antropoloxía, á xeografía, á historia e á arte galegas

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi, presentaron hoxe en rolda de prensa a XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio lingüístico e cultural galegos desde o ensino primario e secundario.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade expresou a súa ledicia por retomar tras a pandemia unha convocatoria que, como indicou, “estimula a investigación e o coñecemento da lingua e do patrimonio de Galicia e que promove que a mocidade se transforme en divulgadora entre toda a sociedade a través das exposicións en que se materializan as súas pesquisas”. O secretario xeral de Política Lingüística explicou tamén “que esta é unha vía máis de achegamento da infancia e a rapazada á lingua galega, un espazo máis en que promovemos o seu uso entre as novas xeracións”.

Na presentación, que acolleu o Museo do Pobo Galego, participaron tamén Francisco Fariña Busto, membro do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas e Fuco Sanjiao, secretario desta.

Promoción da educación patrimonial

Promovido pola fundación homónima e organizado polo Museo do Pobo Galego, o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, está encamiñado á realización de pescudas sobre patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico nos centros escolares galegos.

Establece dúas modalidades de participación, para ensino primario e para o secundario, dotada cada unha delas con 7.000 euros por gañador. A dotación do premio investirase na elaboración dos materias que reflictan o traballo realizado, presentados en lingua galega, que se materializarán durante o curso académico 2022/23 e que se presentarán nunha exposición en setembro de 2023.

Nos proxectos presentados terase en conta as accións que fomenten a educación en igualdade ou o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado cos camiños de Santiago.

No proxecto poderán participar, ata o vindeiro 20 de maio, os centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de Primaria, ESO, ou Bacharelato. As bases completas, así como o proceso de participación, poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.

Imaxes relacionadas