A Xunta estenderá a partir da vindeira semana o modelo organizativo Xide aos servizos de pediatría de atención primaria

Tal e como sinalou no Parlamento a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, os servizos de atención primaria de Culleredo e Illas Canarias comezarán a utilizalo o vindeiro luns

XIDE é un modelo organizativo que optimiza a xestión das citas a demanda atención primaria, aportando importantes vantaxes para a poboación e para os profesionais do primeiro nivel asistencial

A proposta de citación ofrecida polo sistema XIDE foi aceptada nun 92% dos casos por parte dos pacientes tanto no modo de atención, como no tempo proposto para a mesma, así como no profesional encargado desa primeira atención

Os resultados apuntan a que o XIDE será unha das ferramentas máis importantes no proceso de cambio da atención primaria
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, para informar sobre os resultados da fase inicial da pilotaxe do protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) en atención primaria, modelo organizativo pioneiro en todo o Sistema Nacional de Saúde. Tal e como anunciou a representante do departamento sanitario galego, dende o próximo luns, día 7, os servizos de atención primaria de Culleredo e Illas Canarias (Lugo), comezarán a utilizalo tamén no ámbito da pediatría.

Este novo modelo organizativo que supón o XIDE, regula a accesibilidade da poboación aos servizos de atención primaria a través da consulta a demanda, conseguindo a máxima eficiencia mediante a elección máis adecuada do profesional do equipo do primeiro nivel asistencial que pode resolver a petición do usuario.

Tal e como destacou Estrella López-Pardo na presentación dos resultados da pilotaxe do XIDE, que realizouse nos servizos de atención primaria de Illas Canarias, en Lugo, e Culleredo, na área da Coruña, de todos os motivos de consulta rexistrados, o 77% dos casos derivaron nunha citación ordinaria, é dicir no primeiro oco dispoñible na axenda do profesional, e só un 23% requeriron de consulta inmediata ou no día.

Ademais, no 53,2% das consultas solicitadas asignouse a atención inicial de forma presencial, mentres que no 46,8% dos pacientes asignouse unha primeira atención de forma telefónica.

O maior peso das citacións segue a ser para o médico de familia e para enfermaría (o 78% das citacións son para unha ou mesmo as dúas categorías profesionais), isto indica que o 22% das citas a demanda que inicialmente se asignaban ás consultas de medicina de familia e enfermaría poderían ser dirixidas, e mesmo resoltas directamente, por outros profesionais do equipo de atención primaria, permitindo, deste xeito, optimizar o traballo realizado.

Segundo remarcou a directora xeral, a proposta de citación ofrecida polo sistema XIDE foi aceptada nun 92% dos casos por parte dos pacientes tanto no modo de atención (presencial ou telefónica), no tempo proposto para a mesma (ordinaria, no día, ou inmediata), como no profesional encargado desa primeira atención.

Con carácter global, as actividades máis demandadas son realizar unha extracción de sangue, solicitar o resultado dunha analítica, realizar receitas de medicamentos, administrar unha vacina e o seguimento dunha incapacidade temporal. Conxuntamente chegan a representar o 50% de todos os motivos de consulta.

Se os resultados seguen a ser igual de positivos que ata o de agora, Estrella López-Pardo anunciou que Sanidade estenderá o XIDE, no primeiro semestre deste ano, no 30% dos servizos de atención primaria de toda Galicia.

Protección da confidencialidade

Tamén dixo no Pazo do Hórreo, a directora xeral, que Sanidade prosegue no impulso de diversos aspectos relacionados con este proxecto e, no caso das citas que se concerten de forma presencial nas áreas administrativas dos centros de saúde, o Executivo galego traballa no deseño e habilitación de salas e sistemas de quendas nos que o cidadán poida expresar o seu problema de saúde ou necesidade en xeral, con maiores garantías de confidencialidade.

Igualmente, Estrella López-Pardo anunciou que, nas vindeiras semanas, Sanidade incorporará, dentro do proxecto XIDE, aos profesionais de fisioterapia, o que significa que será unha categoría profesional que, por primeira vez, poida recibir consultas a demanda directamente solicitadas pola poboación.

Vantaxes para a poboación e para os profesionais

Segundo remarcou a representante da sanidade pública galega, XIDE aporta á cidadanía unha maior rapidez na resolución dos problemas, evitando citacións intermedias e innecesarias cos diferentes profesionais dos centros de saúde. Ademais, garante que todas as persoas que precisan atención, a reciban en tempo e forma. Para os profesionais, XIDE aporta unha función facilitadora do seu traballo en equipo e do desenvolvemento máximo das competencias de cada categoría profesional.

Na súa intervención, a directora xeral dixo que Sanidade continúa a traballar para transformar a atención primaria no eixo vertebrador do sistema sanitario galego. Este novo modelo para o primeiro nivel asistencial non require só dunha maior dotación de recursos humanos e materiais, senón que precisa tamén, -proseguiu Estrella López-Pardo-, da introdución de innovacións organizativas que permitan unha mellor optimización dos procesos asistenciais co obxecto de facilitar o traballo en equipo dos profesionais sanitarios garantindo unha atención primaria accesible e resolutiva.

A directora xeral de Sanidade amosouse convencida que os resultados apuntan a que o XIDE será unha das ferramentas máis importantes no proceso de cambio da atención primaria.

 

Imaxes relacionadas