A Xunta de Galicia reafirma o seu apoio ao sector biotecnolóxico e ao emprendemento innovador no encontro Internacional Biogalicia Summit

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou na súa intervención no acto inaugural que son dous ámbitos prioritarios para as políticas de I+D+i da Administración autonómica

Argerey destacou as capacidades do ecosistema biotecnolóxico galego, que conta coa estratexia de consolidación do sector ata 2025 co apoio da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, destacou hoxe na súa intervención no acto de inauguración de BioGalicia Summit que o impulso á biotecnoloxía como sector estratéxico para Galicia, así como o apoio ao emprendemento innovador, son dous ámbitos prioritatios para as políticas de I+D+i da Xunta de Galicia.

Argerey puxo en valor a importancia da biotecnoloxía para Galicia como motor capaz de xerar valor económico e social, contribuíndo a dinamizar sectores tradicionais, así como abrindo as portas a outros de elevado perfil tecnolóxico. A directora da Axencia tamén destacou o potencial do ecosistema biotecnolóxico galego, “novo pero sólido e ben cohesionado, que medra moi rápido”, composto por centros de investigación e universidades con grandes capacidades en investigación, dous clústeres, que integran industrias tractoras e consolidadas con empresas emerxentes, e un hub de innovación dixital, DataLife.

Neste contexto, Argerey lembrou que a Xunta ten en marcha xunto co sector a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía ata 2025 co obxectivo de situar a Galicia como unha das principais rexións biotecnolóxicas a nivel internacional. Un dos eixos centrais desta estratexia é xerar negocio e consolidar tecido empresarial arredor do Polo de Innovación Biotecnolóxica da Sionlla.

Argerey lembrou tamén que Galicia participa no Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, xunto a outras catro comunidades autónomas, para desenvolver ferramentas de diagnóstico, pronóstico e terapias de medicina personalizada.

Por último, a directora da Axencia Galega de Innovación explicou o modelo propio de apoio ao emprendemento da Xunta de Galicia, que busca impulsar o desenvolvemento de proxectos en fases temperás e promover a creación de empresas de base tecnolóxica. Dentro deste modelo, atópase a rede de Business Factories, aceleradoras especializadas en sectores estratéxicos para Galicia, así como o apoio a BioIncubatech e o programa de transferencia de coñecemento Ignicia. Tamén destacou o papel dos fondos de capital risco no apoio ás spin-offs do sector bio e farma.

BioGalicia Summit é un encontro de carácter internacional centrado no sector da biotecnoloxía e organizado pola incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, liderada pola USC en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Uninova e co apoio da Xunta de Galicia e a Fundación Incyde.

Imaxes relacionadas