A Xunta impulsa a creación dun espazo de reciclaxe e autorreparación de residuos no Rosal cun investimento de 30.000€

O delegado territorial, Luis López, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, visitan este novo servizo, emprazado nun edificio municipal da rúa Cumieira de Arriba, xunto á alcaldesa, Ánxela Fernández

Este novidoso espazo permitirá arranxar utensilios como mobles, roupa, electrodomésticos ou xoguetes, entre outros, outorgándolles unha segunda vida útil e favorecendo a economia circular grazas ao acondicionamento do local e a adquisición de cinco mesas de traballo e ferramentas

O Rosal, 3 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de impulsar a creación dun espazo de reciclaxe e autorreparación de residuos no Concello do Rosal cun investimento de 30.000 euros ao abeiro da orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, visitaron esta mañá este novo servizo, emprazado nun edificio municipal da rúa Cumieira de Arriba que estaba en desuso, xunto á alcaldesa, Ánxela Fernández, o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e outros representantes municipais.
Este espazo de autorreparación de residuos creouse a través do acondicionamento e adecuación do citado inmoble, situado a carón do CPI Manuel Suárez nunha zona con aparcadoiro e illa de reciclaxe, e coa adquisición de cinco bancos de traballo, ferramentas e outros materiais. Ademais, a axuda autonómica contempla a celebración de obradoiros, accións cidadás de sensibilización ambiental e colaboracións con entidades sen ánimo de lucro da zona que traballan en mercados de segunda man no marco da rede galega deste ámbito.
Este novidoso espazo permitirá que os veciños do Rosal poidan reparar residuos ou utensilios inservibles ou en desuso, como mobles, roupa, pequenos electrodomésticos ou xoguetes, entre outros, e incluso que se poida outorgar unha segunda vida útil, a través da autorreparación, a obxectos aportados por outros veciños.
“Dende a Xunta apostamos decididamente pola separación de residuos e a reciclaxe e apoiamos todas as iniciativas neste eido, xa que é fundamental para preservar o noso medio ambiente e o noso futuro, pero ademais agradecemos estas propostas tan novidosas, xa que permitirán que moitos obxectos volvan ter unha utilidade en vez de rematar no lixo, favorecendo ademais a economía circular e a sotibilidade”, significou o delegado territorial.
Este proxecto foi financiado ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, co cal tamén se sufragou outra achega, de 47.458 euros, a prol do Concello do Rosal para o desenvolvemento de accións de fomento da compostaxe entre a veciñanza.

Imaxes relacionadas