A Xunta priorizará a inspección urbanística nos concellos costeiros, con espazos naturais e polos que discorra o Camiño de Santiago

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística publica o seu programa bianual de traballo, que tamén dará preferencia aos expedientes de reposición da legalidade que afecten aos espazos protexidos

O plan reforza a coordinación das inspeccións cos concellos, aos que dará traslado previo e invitará a participar, e no caso de detectar infraccións serán comunicados para que informen da existencia do título habilitante municipal que ampare as obras
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

A Xunta priorizará nos vindeiros meses as actuacións de vixilancia e inspección urbanística nos concellos costeiros, en primeiro termo, seguidos dos que teñan territorio nun espazo natural ou nunha área de especial interese paisaxístico e, por último, polos que discorran as rutas do Camiños de Santiago.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe o Plan de inspección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para os anos 2022 e 2023, co obxectivo de garantir un uso correcto e ordenado do territorio e sobre todo a obxectividade e imparcialidade na actuación desta entidade.

Así, as actuacións de vixilancia para evitar ilícitos consistirán na inspección do territorio, para detectar posibles infraccións; que se complementan coas investigacións para determinar os feitos e identificar aos responsables.

Deste xeito, o persoal de cada xefatura provincial elaborará cada trimestre unha listaxe dos concellos a inspeccionar de oficio, cos que se coordinarán as visitas e inspeccións indicándolles o percorrido polo termo municipal, nas que tamén se lles invita a participar. Estas actuacións realizaranse con independencia das que se leven a cabo como consecuencia da apertura dun expediente ou da tramitación dunha denuncia.

En aras de acadar a maior cooperación posible, as infraccións detectadas serán comunicadas con carácter previo ao concello correspondente para que os servizos técnicos municipais informen da existencia de título habilitante municipal de natureza urbanística que puidese amparar as obras.

Asemade, o plan tamén fixa os criterios para tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística, polo que se atenderán primeiro aquelas construcións que afecten a terreos especialmente protexidos, as obras de maiores dimensións e, por último, as situadas nos concellos que están adheridos á Axencia. No caso dos expedientes sancionadores, incoaranse con carácter prioritario aqueles que —segundo a Lei do solo— constitúan unha infracción urbanística moi grave.

O plan tamén fixa que, para garantir a restitución da legalidade e evitar a declaración de prescrición da infracción en materia de costas, terán prioridade os expedientes que se afecten a actuacións ou obras en curso sobre as rematadas, e no caso destas últimas atenderanse en primeiro lugar as de menor antigüidade.
 

Imaxes relacionadas