Luis López convida aos locais de restauración e aloxamento de Deza e Tabeirós a aproveitar 'o potencial da orde de axudas da Xunta para a súa modernización, dotada con 2 M€'

O delegado territorial, Luis López, informou da nova convocatoria nunha visita, xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, ao Pazo de Bendoiro, que foi un dos catro establecementos beneficiarios das dúas bisbarras na convocatoria do pasado ano

Os establecementos interesados poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 7 de marzo e optarán a subvencións de ata 50.000€, enmarcadas no Plan Camiña de apoio ás empresas do sector turístico, para obras de modernización ou para certificados de calidade, accesibilidade, embelecemento, equipamentos, aforro enerxético ou dixitalización

Lalín, 2 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, convidou e animou aos establecementos turísticos de restauración e aloxamento das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a que aproveiten “o potencial” da orde de axudas para a mellora destas infraestruturas turísticas, que vén de ser convocada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo cun orzamento global de 2 millóns de euros.
O representante autonómico informou este mediodía desta liña de subvencións, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, nunha visita ao Pazo de Bendoiro, que foi beneficiario deste programa o pasado exercicio cunha contía de máis de 23.000 euros –o 35% do investimento– para a instalación dunha carpa fixa de grandes dimensións e adquisición de cadeiras para a celebración de eventos. Cómpre lembrar que, na pasada convocatoria, recibiron axudas desta liña catro establecementos das bisbarras, dous pertencentes ao municipio de Lalín e outros tantos de Forcarei.
“Creo que Deza e Tabeirós-Montes teñen un enorme potencial no sector hostaleiro, gastronómico e turístico, xa que é unha zona de referencia nos eidos paisaxístico e natural, ten unha privilexiada localización xeográfica central, é líder en turismo rural e conta con pratos recoñecidos internacionalmente, como o cocido, e outros moi destacados como o salmón ou a caza, entre outros, polo que quero animar ao sector a que aproveite este apoio da Xunta para mellorar o que necesite nos seus establecementos, siga incrementando o elevado nivel das súas instalacións e servizos e manteña a Galicia, co traballo de todos, como destino de moda”, detallou Luis López.
Esta nova orde está orientada a establecementos turísticos de aloxamento e restauración e ten aberto o seu prazo de solicitude, que terá que presentarse a través da sede electrónica da Xunta, ata o vindeiro 7 de marzo.
Os locais interesados, que optarán a unha achega máxima de 50.000 euros, poderán subvencionar actuacións de renovación ou modernización das súas instalacións, actuacións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, obras para a obtención da certificación da Q de calidade ou o incremento de categoría, embelecemento da contorna, adquisición de equipamentos, aforro enerxético, climatización, dixitalización ou melloras de seguridade e saúde.
“A Xunta inxectou máis de 120 millóns de euros aos locais turísticos cos Plans de Rescate, dos que 2,5 millóns foron para Deza e Tabeirós, co obxectivo de paliar as necesarias restricións da pandemia, pero agora que parece que vai quedando atrás, dende o Goberno galego seguimos colaborando co sector, como sempre fixemos, para impulsar a súa modernización co obxectivo de dispoñer dunha oferta turística da máxima calidade e competitiva”, explicou o representante autonómico, que concretou que esta liña enmárcase no Plan Camiña de apoio e para a reactivación do sector.

Imaxes relacionadas