Trenor anuncia a convocatoria pública para o reparto dos 12 locais do Espazo Amizar para entidades sociosanitarias ante o déficit de locais na cidade da Coruña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as condicións, en réxime de concorrencia competitiva, para a ocupación temporal por un máximo de catro anos dos locais da terceira planta deste novo edificio administrativo

As entidades interesadas terán ata o 4 de abril para presentar as súas solicitudes
 

A Coruña, 2 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras da convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos 12 locais da terceira planta do edificio Amizar. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de abril e as entidades poderán presentarse de xeito individual o mediante a súa agrupación. Trenor destacou que estes locais permitirán ofrecer ás entidades coruñesas novos espazos para prestar os seus servizos ante o déficit de locais na cidade da Coruña.

A terceira planta está dividida en 8 locais duns 31 m2 aproximadamente, 3 locais duns 41 m2 e un local duns 20 m2. Os locais repartiranse en función da puntuación obtida polos solicitantes empezando polos de maior superficie en orde descendente ata cubrir a totalidade dos locais dispoñibles. O uso previsto será de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo de catro anos. Transcorridos eses prazos, terá que iniciarse no seu caso un novo procedemento de adxudicación.

Poderán ser beneficiarias as asociacións sen ánimo de lucro sociosanitarias que teñan o seu domicilio no concello da Concello da Coruña, nos seus concellos limítrofes ou na bisbarra, tamén se admitirán aquelas que , fóra destes casos, acrediten realizar a meirande parte da súa actividade no municipio ou na comarca da Coruña.

As propostas serán analizadas por unha Comisión de Valoración presidida pola persoa titular da xefatura territorial designada e da cal formarán parte tamén outros/as dous/dúas xefes/as territoriais designados/as pola Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña ou as persoas nas cales deleguen. Actuará como secretario/a un funcionario/a da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña

Na valoración das solicitudes presentadas ponderaranse os seguintes aspectos ata un máximo de 100 puntos, de acordo coas puntuacións parciais: adecuación do uso ao que se vai destinar o local e previsión de actividades, a relevancia social do proxecto; número previstos de beneficiarios; antigüidade na implantación da entidade no Concello da Coruña, nos concellos limítrofes e na súa bisbarra; atención da asociación ou entidade no desenvolvemento das actividades previstas; pola utilización da lingua galega na documentación e na realización de actividades; por dar cumprimento ao Plan Galego pola Igualade entre Mulleres e Homes; pola declaración de utilidade pública da entidade solicitante; pola consecución de premios dentro do eido local e por fomentar a realización de proxectos conxuntos.

Ademais, os solicitantes deberán estar inscritos no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia e ter ao día o cumprimento das súas obrigas tributarias fronte á Seguridade Social e non ter pendente ningunha débeda coa administración da Comunidade Autónoma Galega.

As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, sinalou que o Espazo Amizar traslada o que quere facer a Xunta en Galicia. “Podemos facer novas infraestruturas co diñeiro que aforramos de infraestruturas espalladas e alugadas en distintas localizacións das cidades galegas”, asegurou, referíndose a que o Goberno galego aforraralle aos cidadáns 750.000 euros ao ano no aluguer de sedes na Coruña.

Trenor fixo fincapé no obxectivo da Xunta de que a arquitectura institucional mande unha mensaxe aos cidadáns de que non é máis custoso facer edificios correctos, porque a medio prazo resultan máis económicos e a longo prazo dan máis servizo á cidade, poñendo como exemplo este Espazo.


Consulta neste enlace o DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220302/AnuncioG0597-210222-0003_es.pdf