A Xunta adxudica por máis de 1,5 M€ o desenvolvemento dun sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras

A solución desenvolverase de forma piloto nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño

Trátase de acadar un servizo de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real para facilitar a toma de decisións na xestión das depuradoras e de implantar os principios da economía circular no ciclo da auga

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por un importe de 1,56 millóns de euros os servizos para o desenvolvemento dun sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras.

Este contrato foi adxudicado á unión temporal de empresas formada por Aquatec e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia e conta cun prazo de execución de 15 meses, no que se que inclúen as fases de deseño da solución, desenvolvemento e integración, probas e validación e a certificación final.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, impulsada desde a Xunta para mellorar a xestión dos recursos hídricos galegos, a través dun modelo de economía circular nas depuradoras urbanas.

Trátase de desenvolver un servizo de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real que facilite a toma de decisións nas estacións depuradoras de pequeno e mediano tamaño.

O obxecto do contrato

O servizo ten como obxectivo garantir o cumprimento dos parámetros de calidade con respecto da auga vertida ao medio receptor, a optimización dos consumos enerxéticos de cada depuradora, así como a fiabilidade operativa das instalacións para que operen con eficiencia.

Impúlsase así un sistema de simulación avanzada nun entorno controlado, achegando recomendacións en tempo real a Augas de Galicia para tomar decisións sobre os distintos procesos de cada depuradora e implantar os principios do modelo de economía circular no ciclo integral da auga.

Deste xeito, a proposta definida será desenvolvida de forma piloto nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño de Galicia.

Innovaugas 4.0

Innovaugas 4.0 é unha iniciativa promovida por Augas de Galicia para buscar solucións novidosas na xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta ás demandas dos diferentes usos, atendendo ao contexto do cambio climático.

Innovaugas 4.0 recibiu a presentación de 162 propostas de empresas, centros tecnolóxicos e universidades de España e internacionais.

Este proxecto innovador conta cun presuposto de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondos Europeos FEDER.

Ademais Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, dispoñendo dunha axuda de fondos europeos de 4,2 millóns de euros e tamén do cofinanciamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN), con 700.000 euros, e de Augas de Galicia, que achega 2,1 millóns de euros.