A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinala que as empresas interesadas nos traballos teñen ata o 29 de marzo para presentar as súas ofertas, co obxectivo de inicialos a finais de verán

Ethel Vázquez avanza a licitación por máis de 487.000 € das obras para dotar de saneamento os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, en Boimorto, que estarán rematadas a comezos de 2023

Construirase unha rede de colectores e unha depuradora para o tratamento das augas residuais dos 3 lugares de Boimorto, con vivendas unifamiliares dispersas, ademais dunha pequena explotación gandeira e un bar

Construirase unha rede de colectores que supera os 2,5 km, complementada con 75 pozos de rexistro

A nova estación depuradora funcionará por gravidade e contará cun panel solar, o que suporá un importante aforro no subministro de enerxía eléctrica ás instalacións

Vázquez Mourelle enmarca a actuación no apoio da Xunta aos municipios, que se vai reforzar coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que lles permitirá encomendar tamén a xestión das instalacións a Augas de Galicia
 

Boimorto (A Coruña), 2 de marzo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou a licitación hoxe, por máis de 487.000 euros das obras para dotar de saneamento os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, no concello de Boimorto, que estarán rematadas a comezos de 2023.

Vázquez Mourelle achegouse esta mañá ata o lugar de Viladónega para presentar as actuacións previstas para dotar co servizo de saneamento estes tres núcleos rurais, con vivendas unifamiliares, na súa maioría delas dispersas, e en cuxa contorna hai tamén unha pequena explotación gandeira e un bar, que actualmente carecen dun sistema de depuración de augas residuais.

A conselleira explicou que as obras están enmarcadas no convenio asinado entre a Xunta e o Concello o pasado mes de xullo, polo que a entidade local se comprometeu a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos, ademais de cofinanciar o 20% das actuacións.

A Xunta, pola súa banda, executará as obras e financiaraas achegando o 80% do investimento, para o que poderá contar con financiamento europeo do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Ethel Vázquez informou de que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras, que prevén iniciarse a finais de verán e dispoñen dun prazo de execución de 4 meses, co obxectivo de que estean rematadas a comezos de 2023. As empresas interesadas nos traballos teñen ata o 29 de marzo para presentar as súas ofertas.

Precisou que está prevista a construción dunha rede de colectores, complementada con 75 pozos de rexistro, ademais de executar unha nova depuradora de augas residuais. As actuacións, no seu conxunto, darán servizo a unha poboación de 150 habitantes no ano horizonte 2044.

A rede de colectores executarse en tubaxe de PVC, por gravidade e sen bombeos intermedios, ademais dun tramo en hinca, para cruzar a estrada autonómica. A lonxitude total da rede supera os 2,5 km de lonxitude, complementada cos correspondentes pozos de rexistros, un total de 75.

A conselleira puxo o acento en que a rede que rematará na nova estación depuradora de augas residuais que se vai executar non require achega de enerxía eléctrica ao funcionar por gravidade, e tan só contará cun panel solar que proporcionará o subministro de enerxía eléctrica necesaria para alimentar a instalación e un punto de luz. Isto, subliñou, é algo certamente importante tendo en conta que o custo enerxético é determinante nos custos de mantemento e xestión das plantas de depuración.

Ethel Vázquez subliñou que esta actuación segue a liña do departamento que preside de apoio e acompañamento aos municipios máis pequenos e do rural, coma Boimorto, para axudalos na prestación de mellores servizos da auga aos seus veciños, impulsando investimentos en infraestruturas que a eles lle resulta moi difícil asumir, por ter un custo elevado.

Tal e como apuntou a conselleira, este apoio redobrarase coa nova Lei do ciclo integral da auga que está en tramitación, e da que salientou o seu uso como ferramenta útil e eficaz coa que os municipios poderán tamén encomendar a xestión á Xunta dos seus sistemas, garantindo a prestación de servizos eficientes e profesionais da auga aos veciños. Esta lei avanzou que será levada en breve ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior remisión ao Parlamento.
 

Imaxes relacionadas