O conselleiro de Educación comprobou o resultado das obras de ampliación dos talleres do Centro Integrado de FP Politécnico, o primeiro edificio educativo realizado integramente en madeira

Román Rodríguez destaca que a nova área educativa do centro de Lugo contará con investimentos da Xunta en todos os seus centros

Recorda que a urbe da Muralla é a que máis investimento en obras educativas está a concentrar neste momento en toda Galicia, e que o esforzo inversor desde 2009 suma xa 21,2M€

Na nova mazá educativa acometeranse as rehabilitacións integrais dos institutos Lucus Augusti e Nosa Sra. dos Ollos Grandes e do colexio Anexa, así como a reforma de espazos para situar o novo IES Anexa nos espazos ocupados por Maxisterio

Lugo, 3 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobaron hoxe o resultado das obras de ampliación dos talleres do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Lugo, nas que a Xunta de Galicia investiu 1,5M€.

En concreto, dotouse ao centro cun novo edificio para os ciclos de carpintería da familia de madeira e moble, unha construción de concepción innovadora e sostible con estrutura e acabados en madeira de orixe local, o primeiro edificio educativo realizado integramente neste material, o que supón “un salto cualitativo desde a perspectiva arquitectónica”, segundo indicou o conselleiro. Cunha superficie útil de máis de 700m², o novo módulo alberga tres talleres, dous porches, vestíbulo, departamento de profesores e aseos, así como e local para instalacións.

O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou que o Politécnico vai formar parte da nova área educativa que a Xunta está a crear no centro da cidade de Lugo, “a urbe que máis investimento en obras educativas está a concentrar neste momento en toda Galicia, superior aos 8M€ no período 20/21”, sinalou. Así mesmo, lembrou que o importe das obras acometidas na cidade da Muralla desde 2009 suma xa 21,2M€.
Neste sentido, o conselleiro salientou que neste curso se puxeron a disposición da comunidade educativa de Lugo o novo colexio Sagrado Corazón, cun investimento de 4,6M€, a ampliación do IES Muralla Romana (0,5M€) e os novos talleres do Politécnico, ademais de destacar as obras que se están a desenvolver no instituto Sanxillao (1,8M€).

De cara ao futuro, a Xunta continuará reforzando o seu compromiso coa renovación das infraestruturas educativas da cidade da Muralla, co fin de renovalas na súa maioría, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a nova folla de ruta coa que o Goberno galego vai adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe. Cun orzamento de 191 M€ nesta lexislatura, o plan prevé medio millar de actuacións en colexios e institutos, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares.

Actuacións en todos os centros

O conselleiro salientou que a Xunta de Galicia fixo ou ten comprometido realizar fortes investimentos en todos os centros desta nova mazá educativa, que estará conformada polo CIFP Politécnico, polo colexio CEIP Anexa, e por tres institutos: os IES Lucus Augusti, Nosa Sra. dos Ollos Grandes e o novo IES Anexa que se construirá no espazo ocupado na actualidade pola Facultade de Formación do Profesorado. Así mesmo, no corazón desta área haberá un gran espazo dedicado a instalacións deportivas para uso dos devanditos centros educativos.

Román Rodríguez lembrou que, a maiores da obra do Politécnico, a Xunta ten realizado varios investimentos neste centros, como as obras realizadas nos institutos Lucus Augusti e Nosa Sra. dos Ollos Grandes, por importe de case 275.000€ para o acondicionamento dos vestiarios e a renovación da soleira do pavillón compartido entre os dous centros.

Entre as licitacións previstas para este ano figuran as das rehabilitacións integrais destes dous institutos, por un importe total de arredor de 1M€ cada un deles, e (fóra desta área) do CEIP Paradai. Así mesmo, tamén está previsto no futuro acometer as reformas necesarias para habilitar o novo instituto Anexa nas aulas ata agora ocupadas polo alumnado de Maxisterio, así como a rehabilitación integral do colexio CEIP Anexa.

Imaxes relacionadas