A Xunta recibe 12 ofertas de empresas para as obras de mellora da depuradora de Tragove que suporán un investimento de 5,3 M€ en beneficio dos veciños de Cambados e de Vilanova de Arousa

As obras comezarán no verán co fin de que en 2023 se poña á disposición de ambos os dous municipios unha depuradora mellorada e renovada

A actuación permitirá case duplicar a capacidade de tratamento da planta, ampliando a decantación secundaria e incrementando os caudais de recirculación, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

A Xunta vén de recibir 12 ofertas de empresas para executar a mellora da depuradora de Tragove, que suporá un investimento de 5,3 millóns de euros en beneficio dos veciños de Cambados e de Vilanova de Arousa.

As obras enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e estes dous concellos no mes de novembro para a xestión da depuradora, de titularidade destes municipios, en virtude do cal Augas de Galicia continúa a asumir a xestión desta infraestrutura.

Os traballos, que se iniciarán no verán, teñen un prazo de execución de 15 meses, polo que o obxectivo é que en 2023 os veciños de Cambados e de Vilanova dispoñan dunha depuradora mellorada e renovada.

A intervención permitirá case duplicar a capacidade de tratamento da planta. Entre outras melloras prevese adecuar o tratamento secundario e terciario. Unha vez executados os traballos, o caudal de tratamento secundario e terciario, pasará de 750 m³/h actuais a 1.200 m³/h.

Ampliarase a capacidade de decantación secundaria e incrementaranse os caudais de recirculación, purga e deshidratación de fangos, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos, sistemas e instalacións da actual planta, construída no ano 1993 e que, a pesar das diversas melloras realizadas, precisa dunha actualización.

A intervención inclúe o desmantelamento de equipos obsoletos e demolicións, ademais de nova obra de entrada e canles de tamizado, actuacións no desareador e clasificador de areas, outras reparacións e saneos, e a mellora dos reactores biolóxicos. Tamén se executará un novo edificio de entrada, arquetas e novos decantadores, bombeos de fangos e novos edificios de deshidratación, de control e almacén e de soplantes.

Ademais dotarase a depuradora dun sistema de monotorización enerxética, importante tendo en conta a suba da tarifa eléctrica e que este tipo de infraestruturas son claramente dependentes da enerxía.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo 2014-2020.

Saneamento de Cambados e de Vilanova

Por outra parte, cómpre lembrar que a Xunta complementará estas obras coa mellora do saneamento municipal de Cambados e de Vilanova de Arousa, recollida nun segundo acordo asinado tamén en novembro.

O Goberno galego investirá un total de 6,25 M€ máis en dúas actuacións de mellora do saneamento, que permitirán laminar o caudal que entra na depuradora e resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento que comparten estes dous municipios e que ten destino final a depuradora de Tragove.

O Executivo autonómico vén apoiando aos concellos nas súas competencias e para avanzar no saneamento integral da ría de Arousa, esencial para a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo, ademais de para o medio ambiente e a saúde pública.