Conde destaca que Freshcut conta co selo Galicia Calidade polo seu compromiso coa alimentación saudable e a economía social

Recoñece que o traballo que están a facer as empresas do sector agroalimentario galego no ámbito da I+D+i ligada á nutrición explica o valor diferencial que fai de Galicia a despensa de España

Actualmente son 145 empresas e máis de 600 produtos os que contan coa certificación Galicia Calidade. Delas, precisou, 65 pertencen ao sector agroalimentario
 

Gondomar (Pontevedra), 2 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entregou hoxe o selo Galicia Calidade á empresa Freshcut como aval, dixo, do seu compromiso coa alimentación saudable, cos produtos do sector agrario galego e coa economía social.

Nunha visita ás novas instalacións da firma en Gondomar (Pontevedra) para facer entrega deste distintivo que acompaña aos produtos que comercializa coa marca Galifresh, Conde recoñeceu que o traballo que están a facer as empresas do sector agroalimentario galego no ámbito da I+D+i ligada á nutrición explica o valor diferencial que fai de Galicia a despensa de España. Unha aposta que, ademais, vai ser o eixe vertebrador dos proxectos que a industria alimentaria galega presente para optar aos fondos Next Generation.

O vicepresidente económico, que estivo acompañado na visita pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, apuntou que actualmente son 145 empresas e máis de 600 produtos os que contan con esta certificación. Delas, precisou, 65 pertencen ao sector agroalimentario, que dá emprego a máis de 86.000 persoas en Galicia e que exportou o pasado ano máis de 3100M€.

Freshcut é parte desas cifras porque, segundo dixo, o nivel de produción que acadou en 2021 superou os cinco millóns de unidades a partir de 605.000 quilos de froita que, neste momento, se venden en máis de 1600 puntos de venda en España e chegan, tamén, ata países como Brasil, Portugal, Chile, Corea e Israel.

O selo Galicia Calidade, reiterou Conde, acredita o facer desta empresa e que os produtos da marca Freshcut teñen un valor engadido no mercado por ser cen por cento naturais e con denominación de orixe galega. E acredita, ademais, que a responsabilidade social empresarial é outro dos distintivos desta compañía, como centro especial de emprego.
 

Imaxes relacionadas