O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza co alcalde para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos seus veciños

A Xunta e o concello da Rúa avalían a posibilidade de crear un polígono agroforestal de viñedo da Denominación de Orixe Valdeorras neste municipio

Tamén se valorou a posible posta en marcha dunha aldea modelo no núcleo de San Xulián, así como o desenvolvemento de iniciativas de agricultura de precisión, neste caso aplicadas ao cultivo da vide

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo esta mañá un encontro co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

Na xuntanza analizáronse as necesidades e demandas dos veciños e as diferentes vías de colaboración a prol do impulso do agro neste municipio ourensán. En concreto, abordouse a posibilidade de crear un polígono agroforestal centrado no viñedo, que se situaría en terreos propostos pola denominación de orixe Valdeorras, en coordinación coa cooperativa local Virxe das Viñas. Ao tempo, tamén se avaliará a posible prestación de asistencia técnica por parte da Consellería a esta entidade cooperativa, co fin de axudala na elaboración e desenvolvemento do seu plan de negocio.

Na reunión tamén se tratou a posibilidade de poñer en marcha unha aldea modelo no núcleo de San Xulián. Esta figura, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria -ao igual que os polígonos agroforestais-, persegue a posta en valor, con actividade agrogandeira, do perímetro da aldea, ao tempo que se fai unha anticipación activa aos incendios forestais. Outro asunto abordado na xuntanza está relacionado co desenvolvemento de iniciativas de agricultura de precisión, neste caso aplicadas ao viñedo. A Consellería ten entre os seus obxectivos fomentar este tipo de proxectos, vinculados ao aproveitamento da internet das cousas. No caso do viño, estas tecnoloxías poden axudar no tratamento de pragas e na xestión xeral das vides.

Por outra banda, nesta reunión tamén se abordou a colaboración en materia de defensa e prevención fronte os incendios forestais. A Xunta conta coa participación activa dos concellos, neste caso o da Rúa, para reforzar estas tarefas e protexer as persoas, os bens e a riqueza forestal.

Imaxes relacionadas