A Xunta retoma os traballos na parcelaria de Dodro-Laíño II ao clarificarse a situación urbanística

Unha vez se modifiquen as bases definitivas desta zona, xa que houbo que excluír diversas parcelas que se reclasificaron como solo urbanizable, a Consellería do Medio Rural iniciará as actuacións relativas á rede de camiños secundarios por importe de 300.000 euros

O investimento realizado ata o de agora na súa execución é de 1,45 millóns de euros, a meirande parte relativo á execución da rede de camiños principais
 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

A Consellería do Medio Rural retomará os traballos na parcelaria Dodro-Laíño II, situada no concello coruñés de Dodro, tras clarificarse a situación urbanística que tiña paralizado este proceso. Deste xeito, en breve arrancarán os traballos relativos á elaboración e execución do proxecto de camiños secundarios, cun orzamento de 300.000 euros.

Neste senso, cabe sinalar que dita parcelaria estaba parada debido a unha modificación no Plan xeral de ordenación municipal deste concello. Así, o consistorio reclasificou preto de 300.000 m² de solo urbanizable industrial como solo rústico de protección forestal e como solo urbanizable industrial un ámbito de case 140.000 m² que se atopaba clasificado como solo rústico.

Estas reclasificacións solapábanse, en parte, coa zona de concentración parcelaria, polo que foi preciso modificar a zona de reorganización e excluír deste proceso as parcelas reclasificadas como solo urbanizable industrial, ao deixar de ter un uso agrario ou forestal. Desta forma, unha vez que se modifiquen as bases definitivas deste proceso de reorganización do territorio continuarase coa súa execución.

A parcelaria de Dodro-Laíño II afecta unha superficie de 470 hectáreas, composta por 9.402 parcelas propiedade de 1.007 veciños. O investimento realizado ata o de agora na súa execución é de 1,45 millóns de euros, a meirande parte relativo á execución da rede de camiños principais. Trátase do único proceso de concentración parcelaria vivo nese concello, tras rematarse outras tres parcelarias na zona e reestruturando unha superficie total de máis de 1.100 hectáreas.