A coprodución de Inversa Teatro co Centro Dramático Galego ‘O péndulo’ estréase en Vigo no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta

A función inaugural da obra coproducida pola unidade teatral do Goberno autonómico terá lugar este venres no Auditorio Municipal ás 20,00 horas

Con autoría de Marta Pérez e Ernesto Is, a montaxe é unha obra de tearo-documento que indaga na historia de catro veciños da Cañiza fusilados en 1936

Vigo, 2 de marzo de 2022

A compañía Inversa Teatro e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este venres ás 20,00 horas no Auditorio Municipal de Vigo a coprodución O péndulo, na que tamén participan a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e a Área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. A representación, que terá lugar ás 20,00 horas, forma parte da actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios impulsada pola Xunta en colaboración co Concello. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado na web www.giglon.com e na libraría Librouro, así como no despacho de billetes do auditorio no mesmo día do espectáculo desde unha hora antes do inicio.

O péndulo é unha obra de teatro-documento na que a actriz Marta Pérez indaga na historia do seu bisavó Tirso Gómez Freijido. Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da Cañiza, foi fusilado en 1936 canda os seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Xunto con eles foi apresada María Gómez, alcaldesa da Cañiza e única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a II República. Ela conseguiu salvarse do fusilamento, foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

A autoría da montaxe é de Marta Pérez e Ernesto Is. Conta con Carlos Álvarez-Ossorio na dirección e no deseño da iluminación, así como con Jesús Andrés Tejada no deseño de son e música. Inversa Teatro asumiu a escenografía e o vestiario do elenco, composto por Marta Pérez, Nerea Brey e Rosa Puga Davila. O péndulo estréase á vez que outra das seis coproducións do CDG para este primeiro semestre do ano, Rastros, de Condetrespés, cuxa presentación terá lugar tamén este venres día 4 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Seis coproducións ata xuño

O plano das coproducións previstas pola unidade teatral da Xunta ata xuño arrincou en xaneiro con Come and go, de Helena Salgueiro, na Coruña e, tras as estreas desta semana, continuará este mes con dous novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura de Galicia e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass. Xa en maio chegarán Continente María, con Ainé Producións, á Coruña, e Asemblea xeral, con Sarabela Teatro, ao Barco de Valdeorras.

Co impulso a estes proxectos escénicos, o obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.

A compañía institucional leva a cabo este programa en paralelo á montaxe e distribución das súas producións propias, como é o caso de A peste, o espectáculo inspirado na novela homónima de Albert Camus que dirixe Cándido Pazó e que se está a representar no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 13 de marzo. Nesta liña, xa en abril, o CDG estreará Ás oito da tarde, cando morren as nais, con texto de AveLina Montero e dirección e dramaturxia de Marta Pazos.