A Xunta estudará instalar unha estación de calidade do aire en Boiro

A Consellería de Medio Ambiente terá en conta a solicitude presentada polo Concello, dentro do proceso de mellora da Rede de calidade do aire de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

A Xunta estudará a posibilidade de instalar unha nova estación de calidade do aire no municipio de Boiro.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático trasladoulle ao alcalde de Boiro esta decisión, en resposta a unha solicitude presentada pola entidade local, que alude á situación xeográfica do concello —no interior da ría de Arousa—, ao ser a entrada principal de masas de aire cara ao interior da Comunidade.

Á vista da lexislación actual, as medicións realízanse nas aglomeracións de máis de 50.000 habitantes ou nos casos nos que sexa previsible que se poidan superar os valores límite de calidade do aire. Tamén se indica que, no caso de avaliar a influencia dunha actividade industrial concreta, a Administración pública poderá requirir aos titulares da instalación a implantación de redes e estacións de medición.

En todo caso, aclaran que en Boiro non hai risco de superación dos valores límite establecidos, tendo en conta os modelos de calidade do aire que emprega a Dirección Xeral. Non obstante, atendendo á petición do Concello, a Consellería iniciará o estudo da posible instalación dunha nova estación, ao abeiro do proceso de mellora da Rede de calidade do aire de Galicia que está a levar a cabo ao longo de este ano.