A Xunta salienta o compromiso de Leche Río e das pemes participantes no proxecto de innovación Milkchain para desenvolver un sistema de trazabilidade do leite

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación participou hoxe en Lugo na presentación da iniciativa, que conta cun orzamento de 1,2 M€ dos que a Administración autonómica achega o 75% a través do programa Conecta Hubs

No proxecto participan tamén as compañías Proymaes (O Porriño), Innogando (Abadín), Himikode (Lugo) e PS Vet (Boqueixón)

Lugo, 2 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o compromiso de Leche Río e das pemes participantes no proxecto innovador Milkchain, que busca desenvolver un sistema de trazabilidade certificada na industria láctea que permita garantir a orixe do leite, así como a calidade e eficiencia dos procesos industriais ligados á transformación do produto.

Conde participou hoxe en Lugo na presentación desta iniciativa, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros dos que a Administración autonómica achega o 75% (case 950.000 euros) a través do programa Conecta Hubs, lanzado para apoiar proxectos colaborativos nas áreas de traballo dos Hubs de innovación dixital de Galicia considerados como estratéxicos. Estes Hubs son Datalife, orientado ás cadeas de valor dos sectores primario, biotecnolóxico e a saúde; e Dihgigal, centrado na industria e impulsado polas cadeas de valor do naval, a automoción, a alimentación e TIC.

Na actualidade hai en total 11 proxectos como o que hoxe se presentou financiados a través desta convocatoria, nos que participan 45 empresas, na súa maioría pemes, mobilizando un investimento próximo aos 10 millóns de euros, aos que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 6,4 millóns de euros. Trátase de proxectos de dixitalización, de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou de innovación en procesos e produtos nos que traballan 226 profesionais de alta cualificación, dos que 29 son novos postos de traballo creados.

Na súa intervención, o responsable de Economía, Empresa e Innovación fixo fincapé en que innovar no sector agrogandeiro supón incorporar novos produtos, procesos, estratexias comerciais e organizativas para crear valor, medido en termos de rendibilidade, competitividade, benestar e eficiencia. Con respecto a Milkchain, Conde asegurou que esta iniciativa demostra que a fórmula para innovar con éxito está na colaboración, tanto entre empresas como entre os ámbitos público e privado.

Así, capitaneadas por Grupo Leche Río, no proxecto participan tamén Proymaes (O Porriño), dedicada á automatización industrial e maquinaria especial; Innogando (Abadín), do sector da innovación e a tecnoloxía para o gando vacún; Himikode (Lugo), especializada en intelixencia artificial e analítica de datos; e PS Vet (Boqueixón), unha consultoría veterinaria experta no control de calidade hixiénico-sanitaria do leite. A iniciativa conta tamén coa colaboración de 10 gandeirías de Leche Río e a granxa experimental do Campus Terra en Lugo.

Do mesmo xeito, Conde sinalou que á Administración, como está tratando de facer a Xunta, lle corresponde articular medidas de apoio e estímulo para que en Galicia se leven a cabo proxectos transformadores que teñan un impacto directo en toda a cadea de valor dos sectores estratéxicos para Galicia.

O proxecto Mikchain ten un período de execución de 27 meses, e comporta a creación ou mantemento de 27 postos de traballo (8 de nova contratación). Dentro da iniciativa desenvolverase unha plataforma na nube a través de tecnoloxías facilitadoras como o big data ou a intelixencia artificial que servirá para procesar e almacenar todos os datos que se van recollendo na actividade cotiá dunha granxa. Por exemplo, dos robots de muxido ou relativos á temperatura dos tanques, o nivel de residuo ou o transporte. E sobre esa información é sobre a que despois se poderá actuar en consecuencia.

Galicia é unha das comunidades autónomas máis importantes de España na gandeiría de vacún, tanto en produción como en explotacións, sinalando que o sector gandeiro vacún galego facturou o pasado ano 1.409 millóns de euros, e xera máis de 17.000 postos de traballo. A comunidade é a novena rexión europea en produción de leite, con 2,98 millóns de toneladas rexistradas en 2021 e unha facturación de 995 millóns de euros. Ademais, as entregas de leite en Galicia representan o 40% do total nacional no ano 2021.