Galicia rexistra un total de 16.109 casos activos por coronavirus

Un total de 480.510 pacientes xa están curados

A día de hoxe hai 15.690 pacientes en seguimento nos seus domicilios

O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.109 deles 3.202 son da área da Coruña, 2.007 da de Lugo, 1.876 da de Ourense, 1.858 da de Pontevedra, 3.232 da área de Vigo, 2.874 da de Santiago e 963 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 29 están en UCI, 390 en unidades de hospitalización e 15.690 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 480.510 persoas curadas, rexistrándose 3.111 falecementos.
Os últimos falecementos rexistrados por coronavirus foron:
Día 28 de febreiro:
Home de 82 anos, na área sanitaria de Vigo.
Muller de 93 anos, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Todas estas persoas tiñan patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 3.701.894.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.533.585.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 881 54 00 45 para dúbidas e síntomas leves

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e indicacións sobre o uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara en espazos interiores.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.