O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantiveron hoxe encontros de traballo co Goberno central

A Xunta amplía ás sete áreas hospitalarias a súa disposición para acoller refuxiados de Ucraína

A Xunta propón a apertura dun mecanismo permanente de coordinación para o envío de axuda humanitaria

Trasladará ao Goberno central unha listaxe dos recursos dos que dispón para acoller aos refuxiados do conflito
 

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia amplía ás sete areas hospitalarias da comunidade a súa disposición para acoller a poboación de Ucraína con necesidade de atención sanitaria. Deste xeito, e tal e como se informou ao Ministerio de Sanidade, Galicia contará coa dispoñibilidade de 432 camas.

Deste total, 113 estarían destinadas a pacientes pediátricos, 15 para nenos e nenas con necesidade de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos con necesidade de atención sanitaria, das 319 camas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.

Así, a Consellería de Sanidade amplía o ofrecemento que realizou esta fin de semana, na que puxo a disposición camas de hospitalización no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por áreas sanitarias, a de A Coruña e Cee ten capacidade para ofrecer 73 camas para persoas de Ucraína que requiran ser atendidas con urxencia, da cales 24 serían para pacientes pediátricos. Na de Vigo, hai posibilidade de 77 camas hospitalarias para esta fin, das que 27 serían para atender os máis pequenos e pequenas.

Na área sanitaria de Santiago e Barbanza, ofrécense 72 camas, con 27 para pacientes pediátricos. Na de Lugo, A Mariña e Monforte son un total de 60 as dispoñibles, con 15 destinadas a nenos enfermos de Ucraína que precisan atención sanitaria urxente.

Na de Ourense, Verín e O Barco hai dispoñibilidade de 55 camas, das que 10 son para atender os máis pequenos e pequenas. Complétase esta cobertura coas 50 da área sanitaria de Pontevedra, cun total de 10 para atención pediátrica, e tamén coas 45 da área de Ferrol, das que 10 están reservadas para darlle cobertura sanitaria aos nenos

Acollida a refuxiados e axuda humanitaria

Ademais, a Xunta mantivo hoxe dous encontros de traballo co Goberno central para artellar e coordinar outros mecanismos de axuda a Ucraína.

Por unha banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nunha reunión en liña convocada pola Oficina de Acción Humanitaria (OAH) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) á que foron convocadas as comunidades autónomas e as organizacións non gubernamentais para coordinar as posibles liñas de resposta perante a emerxencia humanitaria en Ucraína.

Jesús Gamallo propuxo que se abra un mecanismo permanente de coordinación do envío de axuda humanitaria e que se active o convenio entre a cooperación descentralizada e a AECID para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria, que está asinado polas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia. Valencia, Canarias, Estremadura, Baleares, Castela e León e Madrid, así coma a FEMP. Ditas propostas foron secundadas polo director da AECID, Antón Leis, e polo resto das CCAA participantes na reunión.

Por outra banda, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou nun encontro de traballo entre o secretario de Estado de Migraciones, Jesús Javier Perea Cortijo, e o resto de comunidades autónomas. Alí confirmou a disposición de Galicia a acoller refuxiados, tal e como xa tiña manifestado o executivo autonómico, e comprometeuse a trasladar ao Goberno central unha listaxe dos recursos dos que dispón para esta acollida.

Esta relación de recursos permitirá compoñer unha oferta unificada a nivel nacional, e posteriormente distribuír os refuxiados, segundo o seu perfil, entre as diferentes comunidades autónomas. Para levar a cabo este traballo de coordinación, o Goberno galego iniciará un diálogo cos concellos a través da Fegamp e coas sete entidades que en Galicia forman parte do Programa de Protección Internacional (Cruz Vermella, Diversidade, Ecos do Sur, Accem, Provivienda, Diaconía e Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade).