O conselleiro de Sanidade avanza ao alcalde de Covelo medidas para mellorar a situación asistencial no seu concello

A Xunta estudará a reorganización de espazos no centro tralo investimento en 2020 de 60.000 euros para instalar nel un novo ascensor

A área sanitaria de Vigo implantará medidas de apoio para o médico de familia de Covelo, facilitando que dispoña de máis tempo para a atención á veciñanza

Santiago, 1 de marzo de 2022

O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, acompañados polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.

No transcurso da reunión tratáronse distintos aspectos tanto asistenciais como da posible reordenación de espazos que é posible efectuar no centro de saúde como consecuencia da obra que se realizou no ano 2020 e que consistiu na instalación dun ascensor e na obra civil necesaria para a súa colocación, unha actuación financiada a través dun convenio ao 50 % entre Xunta e Concello e na que se investiu a cantidade de 60.000 €. Nese eido, o conselleiro comprometeuse co alcalde de Covelo a que desde a área sanitaria de Vigo se realice unha visita para avaliar as necesidades do centro de saúde como consecuencia da perda de espazos motivada pola instalación do ascensor.

No que se refire aos aspectos asistenciais, o conselleiro de Sanidade amosou a aposta clara pola mellora asistencial no concello a través de distintas medidas que posibiliten que o médico de familia, que conta cun rango de tarxetas sanitarias dentro das recomendadas polo Ministerio de Sanidade (1.500 TIS), poida dispoñer de mais tempo para atender á veciñanza do concello. Medidas entre as que estarían o apoio para a xestión de pacientes crónicos así como a habilitación dos mecanismos necesarios para descargar a atención primaria das tarefas sanitarias de carácter mais burocrático.

En resposta á preocupación do alcalde pola atención pediátrica, o conselleiro expresou que a falta de pediatra neste concello pon unha vez máis de manifesto a escaseza de profesionais de atención primaria que se está a producir en toda España. Nese sentido, García Comesaña explicoulle ao alcalde que desde a Consellería de Sanidade se ten reiterado a petición ao Ministerio de Sanidade para que amplíe as convocatoria de formación MIR para poder paliar a falta de facultativos que hai en atención primaria. Lembrou que Galicia leva anos cubrindo o 100% das prazas de formación de medicina de familia e de pediatría que nos autoriza o Ministerio e que ten solicitado o incremento das mesmas e unha revisión dos requisitos e do procedemento de tramitación da autorización destas prazas formativas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidad