O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza co alcalde desta localidade pontevedresa para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos seus veciños

Cerdedo-Cotobade recibiu case 400.000 euros dende 2019 en axudas da Xunta para mellorar os seus camiños

Na última convocatoria, do período 2022-2023, correspóndelle unha achega de 117.377 euros, o que supón un incremento de case o 27% respecto da anterior

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022.- O concello de Cerdedo-Cotobade beneficiouse dunha axuda total de 395.000 euros dende o ano 2019 para a mellora dos seus camiños municipais e de acceso a parcelas agrícolas. Así, este municipio pontevedrés recibiu unha media de preto de 100.000 euros en cada unhas das convocatorias bianuais destas achegas da Xunta. Na última, correspondente ao período 2022-2023, correspóndelle unha asignación de 117.377 euros, o que representa un incremento de preto do 27% en relación coa convocatoria anterior.

Este esforzo orzamentario foi posto en valor polo conselleiro do Medio Rural, José González, que recibiu hoxe en San Caetano ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, nunha xuntanza na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

O encontro de traballo serviulles aos responsables da Consellería para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro, que foron trasladadas polo rexedor, e centradas neste caso nesa mellora das infraestruturas rurais no territorio municipal.

O Plan Marco 2022-2023 da Consellería do Medio Rural contempla en conxunto un investimento de preto de 18 millóns de euros en axudas para que os concellos galegos poidan mellorar os seus camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. En concreto, o orzamento ascende aos 17.994.606 euros (4,3 millóns para este ano e 13,6 millóns de euros para o 2023), case un 26% máis que o consignado na pasada convocatoria, a de 2021-2022. Por provincias, aos municipios pontevedreses correspóndelles un total de 3,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas