Galicia presidirá este ano a Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias

Avalia-t, a unidade da ACIS con competencia para a avaliación das tecnoloxías sanitarias en Galicia, exercerá a presidencia rotatoria da RedETS en 2022

O reto actual en avaliación de tecnoloxías é dar resposta ás necesidades de información do sistema sanitario para a incorporación das innovacións con maior valor para a asistencia

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

Avalia-t, a unidade da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) que se dedica á avaliación de tecnoloxías sanitarias, asumíu hoxe a presidencia da Rede Española de Axencias de Avaliacións de Tecnoloxías Sanitarias durante a celebración esta mañá do Pleno da Rede.
A Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias e Prestacións do Sistema Nacional de Saúde (RedETS), é o órgano encargado de avaliar as novas tecnoloxías previamente á súa utilización polo sistema sanitario. A RedETS está formada por sete axencias de carácter autonómico e pola axencia do Instituto de Salud Carlos III (ISCII), que traballan baixo a coordinación e financiación do Ministerio de Sanidade. A presidencia deste órgano, de carácter colexiado, exércese de forma rotatoria polos organismos integrados na rede. Neste ano 2022 correspóndelle esta presidencia á Avalia-t.
Galicia conta cun servizo dedicado á avaliación dende o 1999 que colabora co resto de axencias españolas e co Ministerio de Sanidade dende o seus inicios. Esta colaboración formalízase no ano 2012 coa creación da RedETS por acordo do Consello Interterritorial. A RedETS xoga un papel principal frente ao reto do sistema sanitario de seleccionar aquelas innovacións sanitarias que maximicen os efectos positivos sobre a saúde e contribúan á sostenibilidade e solvencia do sistema.

Efectividade e seguridade na práctica clínica

A RedETS planifica a súa produción de forma anual e o plan de traballo do 2022 inclúe a avaliacións das tecnoloxías priorizadas polo conxunto de comunidades autónomas así como as actividades relativas ás liñas de traballo habituais, como o sistema de detección de tecnoloxías emerxentes ou os estudos de monitorización que fan un seguimento de intervencións recentemente incorporadas ao sistema para avaliar a súa efectividade e seguridade na práctica clínica habitual.
Enténdese que tecnoloxía sanitaria é calquera intervención que poida ser utilizada na promoción da saúde, prevención, diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade, rehabilitación o coidados prologados, inclúe por tanto os medicamentos, os dispositivos, os procedementos médicos e cirúrxicos, así como as aplicacións móbiles e os sistemas organizativos dentro dos cales proporcionase a atención sanitaria. A avaliación de tecnoloxías sanitarias é o proceso sistemático de valoración das propiedades, os efectos e/ou os impactos das tecnoloxías. O seu principal obxectivo é informar a toma de decisións en atención sanitaria. A avaliación realízase por grupos multidisplinares utilizando marcos analíticos explícitos baseados en diversos métodos.

Imaxes relacionadas