A Xunta destaca o papel do sector artesán galego no impulso do comercio de proximidade compostelán

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá tres tendas taller de obradoiros da marca Artesanía de Galicia na rúa de San Pedro

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá os obradoiros artesanais El taller de Fer, Kinga Haudek e Brigantia Orfebres, en Santiago de Compostela. Durante a súa visita, Heredia destacou a relevancia dos profesionais da marca Artesanía de Galicia na dinamización e no impulso do comercio de proximidade e da economía circular das vilas e cidades galegas, así como a vinculación da artesanía co turismo, dado que as tres tendas-taller se localizan na Rúa de San Pedro, a entrada máis tradicional de chegada dos peregrinos a Santiago de Compostela, a través do Camiño Francés.

El taller de Fer é un obradoiro especializado no deseño e elaboración de produtos artesanais de coiro, tanto de complementos como de artesanía decorativa. Nesta tenda taller aplícanse tanto as técnicas clásicas do traballo con coiros de curtido vexetal, coma unha liña máis vangardista con novos deseños elaborados en peles de curtido mineral, que permiten máis variedade e frescura. Este xeito de traballo a pequena escala permítelle ao artesán controlar o proceso creativo desde o seu inicio; desde o desenvolvemento dos seus deseños, pasando por todas as fases do proceso produtivo, ata mesmo a colocación das pezas nos expositores da tenda, e así certificar a súa procedencia ao 100%.

Kinga Haudek, húngara establecida en Galicia desde 2010, traslada ao deseño contemporáneo o saber facer dos antigos ourives composteláns. O obradoiro aposta por un proceso artístico e artesanal unipersoal, no que todas as feitas están realizadas á man empregando as técnicas antigas e propias da ourivaría tradicional. Descarta todo tipo de mecanización, así como as técnicas de produción en serie. Como consecuencia, todas as pezas teñen a súa propia personalidade: son diferentes, presentan peculiaridades e os seus acabados cálidos son propios da elaboración manual individual.

Brigantia Orfebres está formado polas artesás Nuria Prado e Yessenia Guerrero, que traballan a ourivería, non só fabricando xoias senón tamén pezas decorativas ou complementos. Considéranse deseñadoras artesanais e utilizan técnicas tradicionais para crear de maneira única as súas pezas. Na súa tenda taller comercializan tanto os seus produtos como pezas doutros artesáns da marca Artesanía de Galicia. Apostan por un comercio sostible e de proximidade, e intentan facer todos os procesos do traballo de forma artesanal utilizando materiais de calidade e materias primas naturais.

Imaxes relacionadas