A Xunta destina 715.000€ aos oito concellos de Deza e Tabeirós-Montes para a mellora de camiños ao abeiro do Plan Marco

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución nunha visita de supervisión ás obras realizadas coa anterior convocatoria na vía municipal Santo André de Vea-Frades do municipio estradense xunto ao alcalde, José López

O Concello da Estrada destinou integramente os 107.872 euros do Plan Marco do ano anterior a esta actuación e está a piques de iniciar unha mellora viaria en Rubín con 48.180 euros do Plan de Infraestruturas Rurais, tamén outorgado pola Consellería do Medio Rural

A Estrada, 1 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vai destinar unha achega de 714.512 euros aos oito concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución para as comarcas nunha visita á Estrada, onde supervisou as obras realizadas coa anterior convocatoria na compaña do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, do alcalde, José López, e doutros representantes municipais, aos que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello increméntase este ano en case 33.000 euros.
“A Xunta prevé inxectar máis de 700.000 euros nestas bisbarras do interior norte da provincia para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable nunha media dun 30% con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.
En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural outorga 140.362 euros ao Concello da Estrada, 114.679 euros a Lalín, 94.932 euros a Silleda, 82.985 euros a Rodeiro, 82.165 euros a Agolada, 78.183 euros a Forcarei, 68.099 euros a Vila de Cruces e 53.107 euros a Dozón.
Visita á estrada Santo André-Rubín
Na súa visita ao municipio estradense, o delegado territorial acudiu a supervisar, tras achegarse ata a Casa do Concello, a mellora integral da estrada municipal entre Santo André de Vea e Frades, que foi executada coa achega íntegra de 107.872 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación consistiu na renovación do firme nos 2.930 metros de lonxitude desta vía, que se atopaba deteriorada pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía. Así mesmo, tamén se procedeu á elevación das arquetas e pozos de rexistro e á dotación de sinalización para reforzar a seguridade viaria.
Ademais, o Concello da Estrada tamén está a piques de iniciar, posiblemente neste mes de marzo, unha mellora de camiños en Rubín que conta cun financiamento de 48.180 euros do Plan de Infraestruturas Rurais, tamén outorgado pola Consellería do Medio Rural. Este departamento autonómico concedeu, nos últimos cinco anos, achegas por 1.076.514 euros ao Concello da Estrada ao abeiro dos plans Marco e PIR para a mellora de pistas municipais, o que permitiu actuar en máis dunha vintena de vías municipais.

Imaxes relacionadas