A Xunta recibe 13 ofertas de empresas para executar a nova depuradora de Queiruga, en Porto do Son, que suporá un investimento de máis de 1,7 M€

Esta actuación iniciarase a mediados de 2022 e terá un prazo de execución de 12 meses

A Xunta asumirá integramente o financiamento e a execución das obras e o Concello porá á disposición os terreos e encargarase da conservación das actuacións

Construirase unha depuradora na Ponte, en Queiruga, unha rede de colectores, 3 estacións de bombeo e dúas impulsións para conducir as augas á estación

As instalacións permitirán dar servizo a 1.537 habitantes no ano horizonte de 2043

O Goberno galego continúa achegando apoio técnico e financeiro aos municipios para que exerzan de xeito máis eficiente as súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

A Xunta recibiu 13 ofertas de empresas para executar a nova depuradora de augas residuais de Queiruga, no concello de Porto do Son, que suporá un investimento de máis de 1,7 millóns de euros.

As obras comezarán, previsiblemente, a mediados de 2022 e terán un prazo de execución de 12 meses.

A Xunta asumirá integramente o financiamento da nova instalación e contratará, dirixirá e executará as obras, mentres o Concello asume a posta á disposición dos terreos necesarios e comprométese a conseguir as autorizacións para a execución dos traballos, recibir as obras unha vez realizadas e ao seu mantemento e conservación.

A actuación será cofinanciada pola Unión Europea no marco do eixo REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

O obxectivo é mellorar o saneamento mediante a construción dunha depuradora no lugar da Ponte, na parroquia de Queiruga. Ademais proxéctase unha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas ata a nova depuradora.

De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estará composta por un total de 10 colectores, 8 por gravidade e 2 por impulsión. Tamén son precisas 3 estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte.

En total prevese a construción dunha rede de colectores de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total.

As novas instalacións permitirán dar servizo a 1.537 habitantes no horizonte do ano 2043.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.