A Xunta reforza desde este xoves os servizos de transporte público aos institutos de Baiona e do Rosal e ao centro de saúde de Nigrán

Habilítase unha parada no IES Primeiro de Marzo de Baiona na liña que conecta A Guarda con Vigo, no horario de entrada ao instituto

Créanse dúas novas frecuencias na liña circular Baiona-Gondomar-Nigrán, adaptadas aos horarios das clases dos luns e dos xoves pola tarde

A liña circular entre A Guarda e O Rosal prolóngase ata unha nova parada na parroquia de Tabagón, mellorando o servizo a usuarios do IES A Sangriña

Para os usuarios do centro de saúde de Nigrán créase un novo servizo na liña circular de Baiona e engádese unha parada próxima ao centro na liña de Chandebrito

Estes reforzos, cos que se atenden as solicitudes trasladadas polos centros de ensino e os concellos, responden ao traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público aos cidadáns

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

A Xunta activará este xoves, 3 de marzo, novos servizos de autobús e realizará pequenos axustes nas liñas para mellorar o transporte aos institutos Primeiro de Marzo de Baiona e A Sangriña do Rosal, ademais de mellorar a conexión co centro de saúde de Nigrán.

Máis concretamente, para facilitar os desprazamentos dos alumnos ao instituto pola mañá, habilítase unha parada no IES Primeiro de Marzo na liña que conecta A Guarda con Vigo, evitando que estes alumnos teñan que facer un transbordo na entrada ao instituto.

Por outra banda, créanse dúas novas frecuencias na liña circular Baiona-Gondomar-Nigrán adaptadas á xornada lectiva de tarde dos luns e xoves, con posibilidade de transbordo en Baiona na parada situada fronte ao centro de saúde co resto de liñas do transporte interurbano.

Para dar servizo aos alumnos do IES A Sangriña do Rosal, prolóngase a liña circular entre A Guarda e O Rosal ata a parada San Xoán 2, na parroquia de Tabagón.

En Nigrán, para favorecer os desprazamentos dos usuarios ao centro de saúde, créase un novo servizo ás 10,00 horas na liña circular Baiona-Gondomar-Nigrán e adáptase a liña de Chandebrito, engadindo unha nova parada a 200 metros do centro e axustando os horarios dos servizos, cunha ida próxima á hora de apertura e unha volta ás 10,00 horas.

As actuacións deseñadas dan resposta ás necesidades de desprazamento comunicadas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade polos centros de ensino e os concellos e enmárcanse no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.
A información relativa aos reforzos e cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Imaxes relacionadas