A Xunta abre mañá o prazo para que se poidan adherir entidades colaboradoras ao programa de axudas para a renovación de electrodomésticos

Cun orzamento de 2M€, axudará a 13.000 familias a renovar os electrodomésticos dos seus fogares e aforrar 540.000 euros na factura eléctrica

O período de solicitudes para os interesados abrirase o vindeiro 23 de marzo

Os consumidores con máis dificultades terán unha intensidade de axuda superior que pode chegar ao 75% do custo e ata 450€ por aparello

Con esta iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación preténdese apoiar as familias galegas nun momento de elevada inflación dos produtos enerxéticos, á vez que se dinamiza o sector comercial

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas destinada á renovación de electrodomésticos nos fogares galegos que, durante este ano 2022, permitirá a 13.000 familias aforrar 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica, nun momento en que a elevada inflación dos produtos enerxéticos está a impactar considerablemente nos fogares. As entidades colaboradoras terán a posibilidade de adherirse entre mañá, mércores 2 de marzo, e o 30 de xuño; mentres que os particulares poderán solicitar as axudas a partir do 23 de marzo e ata o 30 de setembro.

Os apoios do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As axudas, ás que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina un total de 2M€, serán de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e pedidas a través de entidades colaboradoras.

Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.

Con esta nova convocatoria a Xunta de Galicia prevé promover unha mobilización de 7M€, aforros económicos anuais de 540.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 2700MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 40.000 árbores e o mantemento ou creación dun, aproximadamente, centenar de postos de traballo, entre directos e indirectos.

Galicia avanza, polo tanto, nun cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para a descarbonización da economía a través deste programa para a renovación de electrodomésticos, pero tamén para o fomento das renovables ou a promoción da mobilidade sustentable. Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización comercial, xa que se agarda a adhesión de ao redor de 500 establecementos a esta iniciativa.

Na pasada convocatoria do Galicia Renova Electrodomésticos, a Xunta xa apoiou actuacións que serviron para reactivar a actividade comercial e facer fronte aos efectos da pandemia neste sector.

Imaxes relacionadas