O presidente da Xunta asistiu este mediodía á entrega de chaves a adxudicatarios de vivendas protexidas de promoción pública en Vigo

Feijóo garante o compromiso do Goberno galego coa vivenda pública co impulso de 512 novos inmobles e un investimento de 72,5 millóns

Afirma que a Xunta seguirá avogando tamén pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos das vilas, a través do programa Rexurbe, que permitirá a próxima entrega de máis dun cento de vivendas de promoción pública en 9 concellos

Precisa que en Vigo, estase a traballar na ampliación de San Paio de Navia que, en total, permitirá a construción dunhas 1.600 vivendas protexidas, cun investimento de 250M€: “O proxecto máis ambicioso da Xunta neste eido para a cidade máis poboada de Galicia”, di

Vigo, 28 de febreiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este mediodía o compromiso da Xunta coa vivenda pública co impulso, neste momento, de 512 novos inmobles e un investimento de 72,5 millóns de euros.

Durante a entrega de chaves a adxudicatarios de vivendas protexidas de promoción pública en Vigo, Feijóo afirmou que a Administración autonómica seguirá avogando tamén pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos das vilas, a través do programa Rexurbe, que permitirá a próxima entrega de máis dun cento de vivendas de promoción pública en 9 concellos.

Sobre este punto, precisou que, no tocante á rehabilitación do Casco Vello de Vigo, hoxe hai 17 novas vivendas en execución e 7 edificios máis adquiridos. “E, neste 2022, o Consorcio do Casco Vello contará con 3,4 millóns de euros de presuposto”, engadiu.

A Xunta seguirá facendo cidade en Vigo

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego afirmou que a Xunta continuará facendo cidade en Vigo, como proba o investimento de 8,4 millóns de euros para a construción de 62 novas vivendas de promoción pública: 36 na zona de Cambeses —25 de aluguer entregadas o pasado mes de decembro—; e 26 situadas en Chantada, das que hoxe entréganse 19 en réxime de aluguer.

Feijóo recordou que estas dúas promocións con 62 pisos non son a única iniciativa de vivenda pública posta en marcha pola Xunta na cidade. Non en van, a Administración autonómica está a traballar na ampliación de San Paio de Navia que permitirá, no conxunto, a construción dunhas 1.600 novas vivendas protexidas, cun investimento de 250 millóns de euros. “O proxecto máis ambicioso da Xunta neste eido para a cidade máis poboada de Galicia”, resaltou, precisando que, no orzamento deste 2022, inclúense 8 millóns de euros para iniciar as obras de urbanización do primeiro polígono e avanzar así na construción das primeiras 207 vivendas de promoción pública.

“En xaneiro licitouse a redacción dos proxectos de 79 vivendas e en abril licitaremos a redacción dos proxectos das outras 128 vivendas, cun orzamento total para a construción das 207 que ascende aos 28,5 millóns de euros”, abundou, explicando que o comezo das obras de construción dependerá de que o Concello de Vigo aprobe os proxectos de urbanización.

Feijóo concluíu expoñendo os principais fitos da acción de goberno na cidade olívica, como a próxima construción dun instituto en San Paio de Navia; ou a entrega antes de maio das obras da Cidade da Xustiza, da estación de autobuses intermodal e da ampliación do IFEVI.

Así mesmo, lembrou que a Administración autonómica segue pendente do Concello para licitar as obras da urbanización do Campus do Mar da ETEA, ademais de avanzar que, nos vindeiros meses rematarase a lonxa de Canido.

No eido sanitario, resaltou que, unha vez operativo o centro de saúde de Bouzas, xa están licitadas as obras do Centro de saúde integral Olimpia Valencia. E, en materia educativa, asegurou que neste ano a Xunta seguirá rehabilitando e mellorando centros como o Conservatorio de Música e o IES San Tomé de Freixeiro, entre outros.

Por último referiuse tamén á sinatura neste trimestre do convenio coa Autoridade Portuaria para humanizar a zona de Beiramar e ao compromiso coa mellora do saneamento en Teis e co plan contra inundacións do Lagares.

Imaxes relacionadas