A Xunta axiliza o reforzo de persoal en Baltar e estuda a súa ampliación tras investir máis de 70.000 euros en melloras

As actuacións realizadas a finais de 2021, supuxeron un pintando interior, renovacións en tellado e sumidoiros e melloras nos espazos de radioloxía os fisioterapia

O goberno galego ofertará unha praza de médico para este centro de saúde, na convocatoria que se fará este ano mediante concurso de méritos para adxudicar en propiedade 106 prazas de difícil cobertura

Sanxenxo (Pontevedra), 28 de febreiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá o centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, xunto ao alcalde do municipio, Telmo Martín González, por mor das obras de mellora realizadas nesta infraestrutura sanitaria. Estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, José Ramón Gómez Fernández.

Dende finais do ano pasado, leváronse a cabo tres actuacións de mellora no centro de saúde de Baltar, cun investimento de preto de 70.000 euros. Estas actuacións consistiron, por unha banda, no pintado e a mellora de espazos en áreas como radioloxía, fisioterapia, a zona de persoal administrativo e a renovación do pavimento do Punto de atención continuada (PAC). Ademais, renovouse todo o tellado do pavillón oeste e, finalmente, actuouse nos sumidoiros para evitar que se produzan inundacións. A isto hai que engadir que, a curto prazo, o SERGAS vai avaliar o xeito máis sinxelo e rápido de acometer reformas estruturais que melloren as necesidades de espazo do centro.

Todas estas melloras engádense a outras realizadas anteriormente neste centro, como a impermeabilización da cuberta para corrixir filtracións de auga na zona de acceso, a creación e habilitación de estancias para as pernotacións dos servizos de urxencias, a reforma das salas de extraccións, ou a remodelación da zona de matrona e ampliación de pediatría. García Comesaña subliñou que, así mesmo, dentro do investimento de equipamentos derivado do Plan de Atención Primaria 2020-2021, o centro de saúde de Baltar recibiu un ecógrafo, un retinógrafo, tres electrocardiógrafos, dous espirómetros e dous holters de presión arterial, o que implicou outro investimento de máis de 60.000 euros, nesta vez en tecnoloxía , para facer o centro máis resolutivo.

Ademais, o conselleiro de Sanidade, destacou así mesmo que a Xunta destinou 300.000 euros en total para obras menores en dez centros de saúde en 2021, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Destacou, así mesmo que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que está desenvolvendo a Xunta, prevé construír 13 novos centros de saúde e facer dúas grandes ampliacións nesta provincia.

Dotación de persoal

No transcurso da súa visita, Julio García Comesaña, indicou que a través do Plan Galego de Atención Primaria 2029-2021, incorporáronse orzamentariamente catro novas prazas para o centro de saúde de Baltar. Así, o conselleiro de Sanidade, insistiu en que hai que seguir traballando para poder dotar de máis persoal, e que Galicia leva tempo reclamando ao Ministerio que tome medidas para paliar a falta de profesionais, xa que formar máis especialistas non depende da Xunta, que leva cubrindo o 100% das prazas de formación de medicina de familia e pediatría que lle autoriza autoriza o Ministerio.

Deste xeito, e dentro das capacidades que ten, a Xunta ven de crear unha nova categoría de facultativo especialista de atención primaria: prazas de medicina de familia que levan aparelladas tamén gardas nos Puntos de Atención Continuada. Estas prazas vanse ofertar por concurso de méritos, para conseguir atraer aos residentes que rematan este ano o MIR. García Comesaña recoñeceu que é unha aposta moi ambiciosa, xa que Galicia é a primeira comunidade autónoma que emprende un proceso destas características.

É por isto que, no vindeiro mes de marzo vaise aprobar o decreto de Oferta Pública de Emprego de 106 prazas para esta nova categoría. Trátase de prazas de difícil cobertura, que Sanidade confía en poder cubrir con esta oferta aos residentes que rematan, que poden obter de inmediato unha praza en propiedade a través dun concurso de méritos. Precisamente, dende o Sergas, vaise falar cos sindicatos en próxima convocatoria de mesa sectorial para que unha destas 106 prazas sexa para o centro de saúde de Baltar. Este novo facultativo, dotará de maior estabilidade á atención no centro de saúde e aumentará a cobertura de gardas de no PAC.

García Comesaña rematou a súa visita incidindo no compromiso da Xunta para continuar coas melloras en equipamento, infraestruturas e persoal no centro sanitario, tal e como se ven facendo ao longo dos últimos anos.

Imaxes relacionadas