A Xunta e o concello de Valga estudan a posibilidade de implantar un polígono agroforestal para viñedo

Tamén se acordou estudar a posibilidade de poñer en marcha unha nova zona de reestruturación parcelaria, ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo un encontro telemático co alcalde de Valga, José María Bello, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro. Entre os temas tratados, acordaron buscar unha zona idónea para desenvolver un polígono agroforestal dedicado ao cultivo de viñedo para a indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria.

Neste senso, José González sinalou que a implantación desta ferramenta de recuperación e posta en valor da terra, que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, permitirá poñer en produción unha área de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadou co paso do tempo un estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal na zona.

Así mesmo, seguindo coa revalorización do territorio, ambos dirixentes acordaron estudar a posta en marcha dunha nova zona de reestruturación parcelaria, ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), co fin de mellorar a estrutura territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Este novo decreto xa pasou pola fase de exposición pública. Tamén abordaron a posibilidade de recuperar o territorio dunha antiga mina, co fin de poñer en valor esa zona.

Finalmente, a Consellería analizará a posibilidade de crear unhas novas instalacións para o persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais neste termo municipal.