Galicia busca consolidar a súa aposta pola innovación aberta a través da nova convocatoria das unidades mixtas que vai mobilizar 30 M€

Conde explica que a novidade desta edición, á que a Xunta destina un orzamento de 12M€, é que inclúe apoios para a creación de centros mixtos de investigación, co obxectivo de dar estabilidade ás unidades consolidadas

Apunta que desde que en 2014 botou a andar esta iniciativa se crearon en Galicia 46 Unidades Mixtas, cun investimento público-privado de 130M€, contribuíndo á xeración e mantemento de 695 postos de traballo de alta cualificación
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, ratificou hoxe a aposta da Xunta pola innovación aberta cunha nova convocatoria das Unidades Mixtas de Investigación que prevé mobilizar 30M€ e crear ou manter preto de 100 empregos.

Nun encontro na Cidade da Cultura, Conde explicou que a novidade desta convocatoria, á que a Xunta destina un orzamento de 12M€, é que ás liñas de axuda existentes —para creación e consolidación— se suma a creación de centros mixtos de investigación, co obxectivo de dar estabilidade ás unidades consolidadas durante as edicións de 2017 e 2018.

O vicepresidente económico salientou que, ao longo destes oito anos de percorrido que ten este programa, son 33 empresas, 28 delas multinacionais, as que levan desenvolvido proxectos con 13 centros de coñecemento galegos.

Desde que en 2014 botou a andar esta iniciativa se crearon en Galicia 46 Unidades Mixtas que mobilizaron 130M€ a partir dun investimento público de 39M€ e que contribuíron á xeración e mantemento de 695 postos de traballo de alta cualificación. Por sectores, 15 delas constituíronse no sector da automoción, seis na industria naval, cinco en alimentación, catro relacionadas coa industria enerxética, ademais doutras no eido da saúde, o sector farmacéutico, o aeronáutico ou as TIC.

Como casos de éxito, o vicepresidente económico mencionou a Unidade Mixta da USC e os laboratorios Esteve, que xa deron cun novo fármaco para a dor crónica que superou todos os ensaios clínicos e está sendo avaliado para poder introducilo ao mercado e poñelo á disposición dos pacientes. E tamén a que conforman o centro tecnolóxico Aimen e o Grupo Copo, que está máis preto de obter o poliuretano que se usa para fabricar a espuma dos asentos dos coches.

Os obxectivos nesta nova convocatoria mantéñense intactos: impulsar a transferencia da I+D+i ao tecido industrial e, polo tanto, ao mercado; desenvolver proxectos de alto impacto intensivos en coñecemento; poñer en valor o ecosistema galego de innovación e o talento que alberga; facilitar a aproximación dos organismos de investigación á empresa; e atraer a Galicia novos investimentos e novas liñas de I+D+i.

Conde recoñeceu que a innovación non ten teito e que innovar con éxito require da colaboración entre administracións, tecido produtivo e centros de coñecemento. Así pois, agradeceu os avances acadados ata o de agora, e subliñou que o propósito da Xunta con cada edición que se convoca deste programa é consolidar resultados, obxectivos e alianzas.
 

Imaxes relacionadas