A Xunta destaca que as vendas ao exterior de Pontevedra superan os 12.000 M€ facendo da provincia a máis exportadora de Galicia no 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de Industrias Guerra en Vila de Cruces, empresa especializada na fabricación de grúas forestais e mariñas que xa exporta o 65 % da súa produción e está a impulsar un proxecto de internacionalización grazas ao Galicia Exporta Dixital

Subliña que este programa, que acaba de abrir unha nova convocatoria, permitiu ata o de agora impulsar máis de 330 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12 M€

Lembra que o gasto subvencionable por empresa oscila entre os 18.000 € e os 100.000 €

Salienta que o compromiso das pemes galegas na procura de novos mercados permitiu a Galicia acadar un rexistro histórico nas súas exportacións, cun novo récord de máis de 25.000 millóns no 2021, un 21,1 % más que no 2020
 

Vila de Cruces (Pontevedra), 28 de febreiro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Vila de Cruces as instalacións de Industrias Guerra, empresa especializada na fabricación de grúas forestais e mariñas que xa exporta o 65% da súa produción, e que está a impulsar un proxecto de internacionalización grazas ao programa da Xunta Galicia Exporta Dixital, que vén de abrir unha nova convocatoria.

“Industrias Guerra é un bo exemplo da colaboración que temos co tecido empresarial, e que permite ás empresas galegas apostar pola internacionalización e a dixitalización na procura de novos mercados”, salientou Guldrís, que puxo en valor as últimas cifras de exportacións, tanto no conxunto de Galicia como na provincia de Pontevedra.

Neste sentido, as vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, o que supón un novo teito histórico e un incremento do 21,1% con respecto ao 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a suba do número de empresas exportadoras galegas, que marca tamén neste período un novo récord chegando ás 9.360, un 31,5% máis que no 2020.

Á boa marcha das vendas ao exterior de Galicia contribúe de xeito moi importante a provincia de Pontevedra, cuxas exportacións medraron un 11,2% no último ano ata superar por primeira vez os 12.000 millóns de euros, e manténdose como a provincia galega con máis vendas ao exterior.

Guldrís incidiu na importancia da cooperación público-privada para seguir a mellorar estas cifras. Un esforzo conxunto que se materializa en iniciativas como o Galicia Exporta Dixital, que acaba de abrir unha nova convocatoria dotada con 4,4M€ e cun gasto subvencionable por empresa entre os 18.000 € e os 100.000€.

O obxectivo do Galicia Exporta Dixital, salientou Guldrís, é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, e actívase para dar resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.

Este programa ten permitido ata o de agora impulsar máis de 330 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12 M€. E só na provincia de Pontevedra, a liña ten promovido 175 plans de internacionalización cunha achega superior aos 6,4 millóns. O programa, expuxo Guldrís, compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contarán cun orzamento de 7,5M€ para o ano 2022.

Esta serie de accións enmárcanse na nova Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Así, entre outros obxectivos, a Estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido. Para acadar ditas metas, contémplase, como primeiro paso, un plan de acción inicial para ata o 2023 que suma máis de 70 millóns para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego.
 

Imaxes relacionadas