A Xunta crea un novo miradoiro no Castro, no Concello de Dozón, cun ángulo de visión de 270º e un alcance de máis de vinte quilómetros

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Adolfo Campos, supervisaron esta actuación, financiada con 30.000€ ao abeiro da orde de infraestruturas turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes, que xa ten aberta a convocatoria 2022 ata o vindeiro 17 de marzo

O novo miradoiro de Dozón está situado na parte posterior do polígono, nunha zona moi empregada polos veciños e pegada á Vía da Prata a 755 metros de altitude, e permite contemplar os oito concellos de Deza e Tabeirós e outros da Coruña e Ourense, o Faro, o Carrio e O Candán

Dozón, 28 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de financiar a creación dun novo miradoiro no lugar do Castro, no Concello de Dozón, que se sitúa a 755 metros de altitude, ten un ángulo de visión de 270º e un alcance de visibilidade de máis de vinte quilómetros. Esta actuación contou cun investimento de 30.000 euros procedente dunha axuda ao abeiro da orde de infraestruturas turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes do ano 2021.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, supervisaron esta mañá esta actuación, que supón un novo atractivo turístico para o municipio nun espazo situado na parte posterior do polígono industrial moi empregado polos veciños e que se atopa moi preto do percorrido oficial da Vía da Prata.
A conformación do novo miradoiro consistiu na habilitación dunha ampla zona en zahorra compacta con bordo de madeira, o acondicionamento do acceso e a instalación de dous paneis informativos, un muro de madeira tratada, bancos de pedra, noiro vexetal, dúas árbores autóctonas e sinalización. Dende este punto pódense contemplar os oito concellos da bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, outros municipios das provincias da Coruña e Ourense e montes como o Faro, O Candán ou o Carrio, entre outros.
“A Xunta de Galicia financiou o pasado ano 122 proxectos en toda a comunidade ao abeiro desta orde para os concellos de menor poboación e a iniciativa proposta polo Concello de Dozón é, sen dúbida, unha das máis interesantes por canto crea un novo atractivo nunha zona de enorme valor paisaxístico e turístico que agora, con esta nova configuración e as vistas que ten, vai gañar en interese e visitantes”, explicou o representante autonómico.
Polo demais, o delegado territorial tamén informou de que esta orde de axudas, enmarcada no Plan Camiña para a reactivación do sector turístico, xa ten aberta a convocatoria deste ano ata o vindeiro 17 de marzo e conta cun orzamento de 1 millón de euros.
Ao abeiro da mesma, poderán financiarse accións de embelecemento e protección de Bens de Interese Cultural (BIC), obras de recuperación, accesibilidade e sinalización, instalación de iluminación ornamental, recuperación ou creación de miradoiros, sendeiros e rutas, espazos de estacionamento vencellados a lugares de interese turístico, rehabilitación de inmobles con uso distinto ao aloxamento e restauración de elementos de valor etnográfico ou pertencentes á arquitectura tradicional.

Imaxes relacionadas