O vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela nun encontro con representantes do sector

Conde salienta que a nova axenda da industria forestal permitirá o sector dar o salto de calidade a nivel de sustentabilidade, diversificación e formación

Recoñece que este documento chega no momento máis acaído porque nunca esta industria se viu ante unha oportunidade tan grande como a que supón a transición cara a unha economía máis verde

A nova axenda prevé mobilizar, a través da colaboración público-privada, 140M€ de investimento e beneficiar a 1700 persoas

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a nova Axenda da Industria Forestal 2022-2024 nace da conciencia colectiva de toda a cadea de valor do sector para dar o salto de calidade a nivel de competitividade, diversificación, sustentabilidade e formación.

Nun encontro con representantes do sector celebrado en Santiago de Compostela,
Conde recoñeceu que este documento chega no momento máis acaído porque nunca esta industria se viu ante unha oportunidade tan grande como a que supón a transición cara a unha economía máis verde, con todas as posibilidades que ofrece a madeira.

A nova axenda prevé chegar a mobilizar, a través da colaboración público-privada, 140M€ de investimento e beneficiar a 1700 persoas. Terá como obxectivos: mellorar a cualificación profesional do capital humano a través da formación; consolidar un ecosistema de innovación arredor do sector e co CIS-Madeira como núcleo; valorizar a industria incentivando os novos usos da madeira e as novas vocacións profesionais; e mellorar a competitividade, a promoción e a diversificación do sector. No marco desta axenda está previsto un programa de promoción do uso da madeira na construción, un plan integral de dinamización e recuperación de montes de coníferas e o impulso á dixitalización.

Facendo balance da anterior axenda, Conde apuntou que no 2021 se superaron os 9,9 millóns de m³ de madeira cortada, se acadaron os 2500M€ de facturación e aumentaron as construcións exemplares en madeira e os novos produtos de biomasa para uso industrial ou para a construción estrutural como é o caso do CLT.

O vicepresidente económico recoñeceu que o forestal é en Galicia un sector que contribúe a xerar actividade industrial no rural galego e, polo tanto, a crear emprego e a facer máis produtivo o monte. Un sector que ofrece unha das materias primas máis importantes desta transición verde que é a madeira. E, nese sentido, referiuse á candidatura galega aos fondos europeos Next Generation que, segundo indicou, recolle proxectos estratéxicos para o sector ao redor da xestión sustentable dos bosques, a economía circular e os novos usos da madeira.

Imaxes relacionadas