A Xunta abre mañá o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da administración galega

As persoas interesadas en formar parte das listas poderán apuntarse ata o 30 de abril

Estas listas permiten prestar servizos en centros formativos, centros de atención a persoas con discapacidade ou en residencias de maiores

Estarán abertas un total de 36 listas: 27 afectan a persoal funcionario e nove a persoal laboral
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

A Xunta abre mañá o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou como veterinarios.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 36. Delas, 27 listas son para traballar como funcionario interino e outras nove para facelo como persoal laboral. No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, sempre poden presentar a solicitude de inclusión.

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto.

Entre as listas abertas están as de enxeñeiros de camiños, canais e portos, de minas e de montes, veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermería ou xefe/a de cociña.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcion-publica.xunta.gal, no apartado de ‘Listas de contratación’, que conta ademais cun


epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso.
 

Imaxes relacionadas