O Sergas publica as puntuacións provisionais do primeiro proceso de xeración de listas de nomeamentos temporais como técnico de saúde de atención primaria

Xeráronse un total de 140 inscricións

So resultan excluídas do proceso o 8,57% das solicitudes de participación
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional de admitidos e excluidos e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico de saúde de atención primaria.

Xeráronse un total de 140 inscricións, resultando excluídas só o 8,57% das solicitudes de participación.

As listas atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

A incorporación de persoal médico técnico de saúde xunto coa creación da categoría de facultativo especialista de atención primaria, recollidas ambas medidas na Lei 18/2021, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, teñen como obxectivo dar resposta adecuada ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade, nun contexto de crise sanitaria como o actual e de dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais de médicos de familia.

Como anticipación á publicación das listas baremadas e segundo a orde de chamamento consensuada coas organizacións sindicais, que se recolle no vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, desde o 21 de febreiro xa están a prestar apoio aos médicos do primeiro nivel asistencial, inicialmente, 14 profesionais desta categoría.

Todos eles están a desenvolver o seu labor de forma centralizada nas instalacións do Centro de Atención Integral ás Emerxencias, no Concello de A Estrada, en quendas de mañá e tarde, o que permite dar soporte ao conxunto de profesionais dos centros de saúde.

Dentro das actividades que realizan estes técnicos están as de seguimento dos pacientes covid positivos, a tramitación das altas e baixas das persoas asintomáticas e a atención telefónica para responder a demandas de información relacionadas co coronavirus.

Tamén colaboran no seguimento dos pacientes positivos covid mediante a plataforma tecnolóxica Telea, informan dos resultados das súas probas covid, realizan o seguimento de pacientes en incapacidade temporal por outras continxencias comúns, renovan receitas para tratamentos crónicos e realizan informes médicos autorizados, entre outras tarefas.

Para iso dispoñen dun listado de traballo diario e dan soporte ao conxunto dos profesionais de atención primaria en determinados procedementos que teñan unha importante carga burocrática. A súa centralización permitirá que este recurso poida ser dirixido a aqueles cupos onde máis se necesite.

Próximas publicacións

Proximamente, publicaranse as puntuacións provisionais no proceso de actualización de listas das seguintes categorías: celador, celador quenda discapacidade intelectual, cociñeiro, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizo xerais, pinche, técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.

Imaxes relacionadas