A Xunta adxudica a reparación da drenaxe transversal da estrada OU-540 no concello de lobios

As obras, adxudicadas por un importe de case 48.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas

Trátase da reparación dunha obra de drenaxe transversal no punto quilométrico 68+950, onde a tubaxe está deteriorada por problemas de filtración de auga

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a reparación da drenaxe transversal na estrada OU-540 en Lobios.

As obras, adxudicadas á empresa Canalis Soluciones Tecnológicas S.L. por un importe de case 48.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas.

Trátase da reparación dunha obra de drenaxe transversal existente na estrada autonómica OU-540, no punto quilométrico 68+950.

Actualmente a drenaxe está formada por un tubo metálico de aceiro, que está deteriorado pola corrosión por problemas de filtración de auga.

Levarase a cabo un proceso de encamisado con manga continua autoportante, sen necesidade de abrir a gabia na calzada nin efectuar cortes de tráfico. Con este método crearase unha tubaxe nova no interior da existente, sen xuntas, mediante a introdución dunha manga continua composta de fibra vidro con protección exterior de poliéster reforzado.

De xeito previo, efectuaranse os traballos necesarios para ter unha boa superficie de soporte, incluíndo a limpeza e o desatasco de residuos do interior do tubo e a inspección do colector mediante un equipo robotizado.

Durante a realización dos traballos poderase manter o tráfico, coa correspondente sinalización de advertencia de obras nas marxes.