A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de dous ríos no concello de Bueu

Os traballos desenvólvense na parroquia de San Martiño de Bueu, nun treito de 1,3 quilómetros do rego do Frade, e noutro treito de máis de 1,5 quilómetros de lonxitude nun río innominado do lugar da Portela

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de dous ríos, no concello de Bueu.

Estes traballos estanse a desenvolver na parroquia de San Martiño de Bueu. Máis en concreto, as tarefas están a desenvolverse no lugar de Trasouto e O Valado, nun treito do rego do Frade de algo máis de 1,3 quilómetros de lonxitude. Tamén se están a executar estes mesmos labores noutro treito de máis de 1,5 quilómetros de lonxitude no río innominado do lugar da Portela.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas