A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de biogás que Agroamb proxecta no concello de Castro de Rei

Trátase dunha proposta de economía circular que reduciría a extracción de materias primas aproveitando residuos orgánicos para a obtención de biocombustibles

A Administración autonómca xa aprobou 10 iniciativas empresariais prioritarias que prevén a mobilización de 160M€ e a creación ou mantemento de ao redor de 500 empregos
 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro 2022.- A Xunta de Galicia vén de declarar como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto da empresa Agroamb Prodalt no concello lucense de Castro de Rei para impulsar unha nova planta de biogás para a obtención de biometano líquido. Unha actuación na que a compañía prevé investir 22,5 millóns de euros, contribuíndo deste xeito á creación de riqueza e á consolidación de emprego de calidade no rural.

Neste sentido, a iniciativa pretende utilizar os residuos orgánicos producidos no sector agrogandeiro e agroalimentario galego como materias primas para obter biometano líquido a través dun proceso de separación crioxénica do biogás producido. Unha parte do biogás xerado empregaríase para cubrir o autoconsumo da planta e parte do biometano líquido para abastecer a frota de transporte da empresa e dos seus provedores.

Trátase, polo tanto, dun proxecto de economía circular que reduciría a extracción de materias primas, aproveitando residuos orgánicos para a obtención de biocombustibles que, á vez, reducen o uso de combustibles fósiles.

O proxecto inclúe a posibilidade de crear de ao redor de 75 postos de traballo entre directos e indirectos na comarca por parte deste grupo empresarial que conta co selo de Peme innovadora outorgado pola Administración central e que presta servizo a máis de 200 empresas, concellos e institucións, así como a agricultores e gandeiros.

Esta declaración de iniciativa empresarial prioritaria enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

O proxecto súmase ás nove Iniciativas Empresariais Prioritarias xa declaradas, entre elas as lideradas por Oviganic (Monforte de Lemos), Novafrigsa (Lugo), Bioenerxías de Lugo, o grupo Coren Cortizo (Padrón) ou Albo (Salvaterra de Miño),.

Neste marco, os investimentos totais programados polas empresas a través das 10 iniciativas roldarían os 160M€ e o compromiso de xerar ao redor de 500 postos de traballo. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da Oficina Doing Business, creada pola Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.