O Museo das Peregrinacións e de Santiago expón unha obra do pintor gótico Martín Bernat cedida polo Museo Nacional do Prado

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou a peza ‘Embarque en Jafa do corpo de Santiago o Maior’ que estará no museo ata 2023

Pode contemplarse xunto a dous óleos da escola aragonesa que nunca foran expostos, ‘Fuxida de Teodoro e Atanasio’ e ‘A raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo Santiago’

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022

O Museo das Peregrinacións e de Santiago expón a obra do pintor gótico Martín Bernat Embarque en Jafa do corpo de Santiago o Maior, cedida polo Museo Nacional do Prado, ata finais do ano 2023. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao centro na que puido contemplar a táboa do século XV exposta na zona dedicada á translatio, que foi remodelada para acoller esta peza e outras dúas da colección do Museo das Peregrinacións que nunca foran expostas.

Así, a obra cedida exponse conxuntamente con Fuxida de Teodoro e Atanasio e A raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo Santiago. Ambas son óleos sobre táboas do século XVI, pertencentes á escola aragonesa, que nunca antes foran expostos. “O conxunto ofrece un relato único do traslado do Apóstolo e da súa chegada a Santiago de Compostela”, afirmou Román Rodríguez.

Tal e como explicou o titular autonómico de Cultura, a cesión por parte do Museo Nacional do Prado prodúcese en contraprestación polo levantamento do depósito da obra Santiago Peregrino, de Juan de Flandes, para expoñela durante dous anos nas salas de Gótico do centro madrileño, con motivo da súa remodelación. Transcorrido este período, a peza regresará a Compostela e o Museo Nacional do Prado recuperará tamén a táboa de Martín Bernat agora cedida.

Coleccións arredor de Compostela e da Peregrinación

Creado a finais de 1951 co obxectivo de ofrecer unha visión do nacemento e evolución da cidade compostelá e en especial do fenómeno da peregrinación, o Museo das Peregrinacións e de Santiago conta con importantes coleccións de escultura, pintura, acibeche, gravado e artes decorativas en xeral, así como bens arqueolóxicos, elementos etnográficos e fondos documentais e bibliográficos. A súa sede expositiva sitúase na Praza de Praterías e pódese visitar de martes a venres de 9,30 a 20,30; os sábados de 11,00 a 19,30 e os domingos de 10,15 a 14,45 horas.

Imaxes relacionadas