Crecente e Cerdedo-Cotobade estrean cuberta da pista de pádel e equipamento do ximnasio municipal tras un investimento de 70.000 euros

A cuberta da pista de pádel de Crecente contou cun orzamento de 41.000 euros e o equipamento do novo ximnasio municipal de Cerdedo-Cotobade está valorado en máis de 28.000 euros

Crecente e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 26 de febreiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Luis López, visitou os concellos pontevedreses de Crecente e Cerdedo-Cotobade onde a Xunta de Galicia vén de cofinanciar actuacións nas súas instalacións deportivas cun investimento total de 70.000 euros.

No caso de Crecente, secretario xeral e delegado visitaron, da man do alcalde Julio César García-Luengo, a pista de pádel na que vén de instalarse a cuberta cun orzamento de 41.000 euros, dos que a Xunta de Galicia achegou o 83% (34.000 euros) e o concello o restante 17% (7.000 euros). Lete Lasa destacou o gran crecemento do pádel nos últimos anos evidenciando que “a pista de pádel de Crecente motiva que moitos cidadáns e cidadás practiquen actividade física”. Neste sentido apuntou cara a importancia de instalar unha cuberta para a súa protección da choiva ou das inclemencias climáticas e garantir o seu uso durante todo o ano. A pista de pádel atópase nun complexo no que tamén se localizan o ximnasio municipal e o pavillón municipal, ademais de atoparse moi próximo o CEIP.

No caso de Cerdedo-Cotobade, acompañados do alcalde, Jorge Cubela, o secretario xeral supervisou o equipamento do novo ximnasio municipal que contou cun investimento de 28.363,23 euros, dos que a Xunta achegou o 84% (23.863,23 euros) e o concello o restante 16% (4.500 euros). Grazas a esta actuación, o ximnasio municipal reforza a súa polivalencia con elementos fixos e móviles para adaptalo á práctica de diferentes actividades, tanto individuais como colectivas. O material instalado trátase de equipamento para traballo cardio-vascular, equipamento para traballo de forza, así como equipamento para traballo fitness.

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.
 

Imaxes relacionadas