O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita as feiras Arco, JustMad e Art Madrid onde respalda a presenza dos profesionais galegos nos distintos certames

A Xunta apoia en Madrid a proxección nacional e internacional da arte contemporánea galega

Salienta o carácter estratéxico destas citas para promover as disciplinas artísticas con selo galego e para establecer contactos profesionais

O Goberno autonómico mantén un compromiso constante coas artes visuais con axudas para facilitar a súa presenza en feiras e mercados de arte como estes así como para impulsar a programación das galerías e fomentar a creación, entre outras

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita hoxe as feiras de arte contemporánea Arco e JustMad, onde amosou o seu apoio á proxección nacional e internacional dos profesionais galegos das artes visuais e respaldou a participación das galerías galegas nestes certames.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salienta que mercados de arte como estes se están a consolidar como citas estratéxicas para promover as disciplinas artísticas con selo galego e para establecer contactos profesionais. Son, ademais, iniciativas para as que o Goberno autonómico mantén un compromiso constante, a través de liñas de apoio que facilitan a participación de galerías de arte en feiras e mercados como estes fóra da Comunidade autónoma. Na última convocatoria foron beneficiarias preto dunha ducia de galerías de arte galegas que tiveron presenza en feiras en Madrid, Londres, Lisboa, Singapur ou Bruxelas, entre outras.

A Xunta mantén, ademais, un convenio anual coa Asociación de Galerías de Arte Contemporánea para impulsar a súa programación e tamén apoia de xeito transversal a creatividade no eido das artes visuais onde destacan iniciativas como o Encontro de Artistas Novos que se celebra cada ano na Cidade da Cultura. Tamén se fomenta o enriquecemento das coleccións dos museos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), entre outras propostas.

Feiras referentes

ARCOmadrid leva celebrándose desde a década dos 80 e consolidouse como unha das principais plataformas do mercado da arte e peza imprescindible no circuíto internacional de promoción e difusión da creación artística. Nesta edición participarán máis de 150 galerías de arte de todo o mundo. Pola súa banda, JustMad celebra este ano a súa décimo terceira edición reforzando o seu papel como líder da arte emerxente contemporánea de España e conta coa participación de corenta expositores e galerías de Europa e América con obras de máis dun centenar de artistas.

Tras visitar hoxe as feiras Arco e JustMad, Anxo M. Lorenzo, acudirá mañá a Art Madrid, que celebra a súa 17ª edición e contará tamén con arredor de 40 galerías nacionais e internacionais coas tendencias artísticas de última creación.