A Xunta adxudica as obras de mellora do firme en dous treitos antigos da estrada AC-342 no concello de Vimianzo

Os traballos, cun investimento de máis de 46.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas

O obxectivo é acondicionar a capa de rodadura dos treitos antigos da estrada na contorna dos puntos quilométricos 2+000 (Calo-Bribes) e 7+000 (Tras do Ceán)

Tras a execución das obras, transferirase a titularidade destes treitos da vía ao Concello
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do firme en dous treitos antigos da estrada AC-432 ao seu paso polo concello de Vimianzo.
As obras, adxudicadas á empresa Vázquez y Reino S.L. por un importe de máis de 46.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas.

O obxectivo é acondicionar a capa de rodadura nos treitos antigos da estrada entre os puntos quilométricos 2+000 (Calo-Bribes) e 7+000 (Tras do Ceán).

Os traballos inclúen a limpeza das marxes da calzada e a reapertura de gabias de drenaxe lonxitudinal, así como a extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente para regularización nas zonas que o precisen.

Tras a execución das obras, estes treitos antigos da vía serán obxecto dun expediente de cambio de titularidade en favor do Concello de Vimianzo, ao non ter xa funcionalidade na rede autonómica de estradas.