A Xunta retoma as visitas guiadas ‘Descubrindo o Parque Nacional’ para máis dun cento de participantes

Organízanse seis excursións aos catro arquipélagos para coñecer os valores destes espazos e apreciar a singularidade dos mesmos fóra de tempada estival

As rutas faranse en grupos reducidos entre marzo e abril e fíxase unha solicitude por persoa e actividade

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022

A Xunta organiza unha nova edición do programa de rutas guiadas Descubrindo o Parque Nacional, co que invita a máis dun cento de participantes a coñecer os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada fóra da tempada estival en seis datas dos meses de marzo e abril.

O obxectivo é achegar aos galegos ao rico e variado patrimonio natural, histórico e cultural que agocha o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, o único declarado en Galicia. Así, a través de catro itinerarios os visitantes poden coñecer o carácter histórico e botánico de Cortegada, as esculturas e lendas das rochas de Sálvora, a toponimia de Ons ou facer unha viaxe no tempo para coñecer a orixe das Cíes.

As rutas, con guía de balde para os participantes, desenvolveranse en grupos reducidos para ofrecer unha mellor calidade da visita aos espazos protexidos. Ao mesmo tempo, para garantir a participación do maior número de interesados, limítase a inscrición a unha actividade por persoa.

Aqueles que desexen participar no programa Descubrindo o Parque Nacional deberán reservar a súa praza no apartado das Illas Atlánticas da central en liña do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou directamente nas oficinas do Parque Nacional galego, no edificio Cambón de Vigo (rúa Oliva, 3).

O solicitante poderá inscribir ata a tres acompañantes e o transporte ás illas farase a través das distintas embarcacións que se ofrecen, en función da illa a visitar, e o custo deberá ser sufragado polos participantes.

As inscricións xa se poden realizar, sendo o último día para anotarse a cada unha das rutas catro xornadas antes da realización da mesma.

Este programa naceu no ano 2014 e desde o inicio tivo unha boa acollida, tal e como acreditan os máis de 1.400 participantes que poñen en valor o feito de coñecer dun xeito ordenado e sostible e fóra da tempada estival estes espazos naturais de alto valor.

A continuación, indícanse o calendario, portos de saídas e número de prazas por cada actividade:

Illa
Data
Ruta
Porto
Prazas
Ons
26 de marzo
Bueu
20
Cíes
27 de abril
Vigo
20
Sálvora
12 de marzo
Ribeira
20
19 de marzo
O Grove
20
Cortegada
6 de marzo
Carril
15
30 de abril
Vilagarcía
12

 


 

Imaxes relacionadas