A Xunta promove a terceira edición de Come Local coa participación de 23 centros escolares galegos

Esta iniciativa da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, céntrase na promoción do consumo de produto galego de calidade certificada e de proximidade entre o alumnado da nosa comunidade e enmárcase na rede Mercaproximidade

Facilitarase a degustación de menús con ese tipo de produtos e desenvolveranse actividades formativas sobre as súas características nutricionais e arredor do impacto que ten o seu consumo a prol dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, promove por terceiro ano consecutivo a campaña Come Local, centrada na promoción do consumo de produto galego de calidade certificada e de proximidade entre o alumnado da nosa comunidade. Nesta ocasión está previsto que participen na iniciativa un total de 23 centros escolares de toda Galicia, acadando arredor de 3.380 usuarios de comedor.

Esta campaña enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

Ademais, este ano a Xunta márcase o obxectivo de ampliar a rede de comedores escolares que introducen produtos con certificado de calidade (Denominación de Orixe Protexida, Indicación Xeográfica Protexida e produtos ecolóxicos) nos menús dos cativos. A campaña arranca agora e prolongarase ata o remate do curso 2021-2022.

Así, traballarase coa maior parte da comunidade educativa, procurando implicar as Anpas, formar os cativos sobre a importancia da alimentación e actuar de xeito activo cos responsables de cociña, facilitándolles formación e ferramentas de xestión para un correcto aprovisionamento. A iniciativa contará coa implicación dos consellos reguladores dos diferentes produtos certificados que teñan materia prima susceptible de ser introducida nun comedor escolar e, cando sexa posible, facilitaranse as producións ou plantacións a medida para garantir un futuro abastecemento.

Neste senso, non só de trata de degustacións de menús especiais, senón que tamén se desenvolverán actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados e de proximidade na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU.

Comedores quilómetro 0

Como novidade, nesta terceira edición os catro centros de formación agroforestal dependentes da Consellería do Medio Rural (Guísamo, Sergude, Becerreá e Monforte) comezarán o proceso para contar co certificado de Km 0. Isto supón que máis dun 65% dos alimentos que entren nas súas cociñas serán de produtores da contorna.

Nesta campaña elixíronse centros cunha determinada sensibilidade para poder acceder a recoñecementos como o de comedores Km 0, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. Outro criterio para a elección dos centros foi o de considerar os distintos sistemas de xestión tanto educativa como do comedor e así participan centros escolares públicos, concertados, comedores xestionados por Anpas ou os servizos de catering.

Outra ferramenta coa que se vai traballar cos centros educativos é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas, para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos menús.

Imaxes relacionadas