Luis López anuncia a concesión de 117.000€ ao concello de Cerdedo-Cotobade para mellora de pistas ao abeiro do Plan Marco

O delegado territorial, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, informou desta achega na visita de supervisión á 1ª fase da mellora e acondicionamento do vial Covas-Os Palleiros, executada cunha axuda de 48.000€ do Plan de Infraestruturas Rurais 2021

O Concello de Cerdedo-Cotobade recibíu máis de 1 M€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para o acondicionamento de vías en máis de 15 núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario

Cerdedo-Cotobade, 25 de febreiro de 2022

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, vén de anunciar a concesión de 117.377 euros ao Concello de Cerdedo-Cotobade, por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a mellora de pistas municipais ao abeiro da resolución do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.
O representante autonómico informou desta achega na visita de supervisión que realizou este mediodía, xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, ás obras da primeira fase da mellora integral, acondicionamento e reposición do firme da estrada que une os lugares de Covas e Os Palleiros, na parroquia de Tenorio. Dita actuación foi executada cun investimento de máis de 48.000 euros cos fondos do Plan de Infraestruturas Rurais 2021 e terá continuidade, coa segunda e derradeira fase, coa partida que a Xunta acaba de conceder co Plan Marco 2022-2023.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Cerdedo-Cotobade, son fundamentais para a súa economía”, explicou o delegado territorial, que salientou que a Xunta incrementou este ano a partida do Plan Marco para este municipio pontevedrés, ao igual que para os demais concellos galegos, en preto de 25.000 euros, o que supón un 27% máis en comparación coa achega de 2021.
Deste xeito, o Concello de Cerdedo-Cotobade ten recibido, ao longo do último lustro, máis dun millón de euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais vencelladas a zonas con peso agrogandeiro ou de carácter rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), que lle reportou 443.000 euros neste período, e do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, que xa rolda os 600.000 euros nestes últimos cinco anos coa concesión para o presente 2022.
Con estas achegas, favoreceuse a modernización viaria de ata unha quincena de núcleos rurais de Cerdedo-Cotobade, entre os que figuran os de Ceraxe, Arrotea, Limeres, Tenorio, Areses ou Cabanelas, entre moitos outros.

Imaxes relacionadas