O programa IACOBUS aproba 165 candidaturas da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal

Aprobáronse 108 solicitudes para participar na 9ª edición do programa para estadías de investigación, ás que se suman outras 57 da 4ª convocatoria do IACOBUS Papers destinada a divulgación de publicacións científicas

A Xunta colabora neste programa xestionado pola AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que conta este ano cun orzamento de 200.000 euros para fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A Xunta vén de informar da resolución das solicitudes do programa IACOBUS, coa aprobación de 165 candidaturas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, 108 delas para os proxectos da novena edición para as estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses e 57 para a cuarta edición do IACOBUS Papers, dirixidos ambos a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica.

No caso das estadías de investigación aprobáronse 108 candidaturas das 231 presentadas, das que 60 das persoas seleccionadas proceden de Galicia e as 48 restantes do Norte de Portugal.

As candidaturas están abertas a persoal das 39 entidades participantes no programa: 7 Universidades; 4 Institutos Politécnicos, 22 Centros Tecnolóxicos e 6 Fundacións/Institutos de Investigación de Saúde da Eurorrexión.

Nesta liña, das 108 candidaturas aprobadas nesta nova edición, 55 son de proxectos de persoal docente e investigador (PDI); 39 de investigadores predoutorais ou postdoutorais e 9 de Persoal Administrativo e de Servizos (PAS) das Universidades, Centros de Ensino Superior e Fundacións Biomédicas da Eurorrexión. Por outra banda, e procedentes dos Centros Tecnolóxicos aprobáronse 1 candidatura correspondente a un xestor de innovación con, polo menos, 5 anos de experiencia acreditada, e 4 de técnicos de I+D+i; con menos de 5 anos de experiencia.

A Comisión de Avaliación está formada por un representante da Xunta de Galicia, un da CCDR-N, un da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) e outro da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión, entidade que xestiona o programa.

A lista provisional de admitidos está dispoñible en https://iacobus.gnpaect.eu.

As dúas liñas do programa IACOBUS contan cun financiamento de 200.000 euros. No caso do IACOBUS Estadías o investimento é de 150.000 euros e vai dirixido a favorecer a mobilidade académica con estadías transfronteirizas entre persoal de Universidades, Institutos Politécnicos e Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de desenvolver proxectos de investigación nunha das 39 entidades participantes facilitando a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.

Trátase dunha iniciativa de referencia no ámbito académico con máis de 1.900 candidaturas, das que se teñen seleccionado 1.095 para estadías de investigación.

Por outra banda, a cuarta edición do IACOBUS- Papers, conta cun orzamento de 50.000 euros e apoia a publicación de artigos científicos e de investigación nalgunha das revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e no SCOPUS para as áreas de humanidades. Ás edicións anteriores do IACOBUS Papers presentáronse 147 artigos de investigación de autores pertencentes ás institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dos que foron seleccionados 136.

O programa IACOBUS é unha iniciativa de éxito no ámbito académico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e conta cun financiamento total superior a 1,4 millóns de euros, no marco do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Os obxectivos do IACOBUS alíñanse coas prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia - Norte de Portugal (PIC 2021-2027) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal (RIS3-T).

Imaxes relacionadas