A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe as obras deste centro sanitario, que se retomaron o luns tras superarse os problemas derivados da crise dos materiais

Ethel Vázquez subliña que o Centro Integral de Saúde de Lalín acada o 20% de execución e garante o máximo esforzo para cumprir cos prazos establecidos

Vázquez Mourelle indica que se está a traballar co fin de rematar as obras a finais deste ano ou principios de 2023, limitando a demora sobre os prazos previstos

Apunta que xa está rematado o movemento de terras e as cimentacións e tamén está practicamente finalizada a estrutura, totalmente levantada

Sinala que avanzan os traballos de albanelería e nas vindeiras semanas empezará o illamento nas cubertas, a formación de pendentes ou a estrutura das escaleiras

Subliña que estas instalacións, cun investimento da Xunta de 9 M€, constan dun centro de saúde e dun Punto de Atención Continuada para pór á disposición dos usuarios un equipamento de primeiro nivel en canto á atención primaria

O centro incluirá consultas de medicina, enfermería ou odontoloxía, área pediátrica, de hospitalización a domicilio, atención á muller ou de saúde mental

O complexo beneficiará a 35.000 veciños da comarca do Deza, ao atender a Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón e ofrecer certas asistencias a Silleda e Vila de Cruces
 

Lalín (Pontevedra), 25 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que o Centro Integral de Saúde de Lalín acada o 20% de execución e garante o máximo esforzo para cumprir cos prazos establecidos.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza, Eloína Núñez, supervisou hoxe a reactivación das obras deste centro sanitario.

Cómpre lembrar que a Xunta retomou o luns os traballos, tras salvarse os problemas derivados da crise dos materiais.

Ethel Vázquez indicou que a pesar do contratempo sinalado, estase a traballar para minimizar todo o posible o seu impacto co fin de rematar as obras a finais deste ano ou principios de 2023, limitando a demora sobre os prazos previstos.

Explicou que tras a reactivación dos traballos, agora mesmo están en obra uns 7 operarios, coa previsión de que a próxima semana se sumen outros tantos para avanzar no ritmo de execución.

Apuntou que xa está rematado o movemento de terras e as cimentacións e tamén está practicamente finalizada a estrutura, totalmente levantada.

Precisou que a día de hoxe se están a realizar traballos de albanelería, co peche da fachada e as divisións interiores e os premarcos. Avanzou que nas vindeiras semanas se empezará tamén xa co illamento nas cubertas e a formación das pendentes, ademais da estrutura metálica das escaleiras.

Equipamento de primeiro nivel

A conselleira subliñou que estas instalacións, cun investimento da Xunta de 9 M€ e que constitúen as segundas destas características de Galicia, tras as de Lugo, constan dun centro de saúde e dun Punto de Atención Continuada que permitirán pór á disposición dos usuarios un equipamento de primeiro nivel para prestar o servizo de atención primaria.

Trátase dun novo edificio de 5.500 m² de superficie nesta parcela do Alto de Vales, de máis de 15.000 m² a carón da estrada N-525 que comunica Lalín co veciño concello de Dozón e con Ourense. O complexo distribúese en 4 andares, en distinta cota: 3 destinados ao centro de saúde e o outro ao PAC, que ocupa un deses tres brazos do edificio.

No seu interior, o edificio albergará a área asistencial, con consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e salas técnicas, de mostras e polivalentes; tamén área pediátrica; de especialidades médicas; e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, atención á muller, saúde mental, rehabilitación e hemodiálise, entre outros.

A intervención inclúe unha gran praza que favorecerá as dúas entradas públicas ao edificio. Ademais completaranse os traballos coa urbanización da parcela, dispoñendo zona verde na parte norte; así como dous aparcadoiros con 87 prazas, 53 para as persoas que acudan ao centro.

Detallou que serán preto de 35.000 os veciños da comarca que se beneficien deste Centro Integral de Saúde, que dará cobertura aos municipios de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón, pero tamén ofrecerá certas asistencias aos veciños de Silleda e de Vila de Cruces.

Trátase dunha actuación financiada no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas