Feijóo confírmalle ao alcalde de Beariz a licitación en marzo da conexión da estrada OU-212 co futuro parque empresarial do concello

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmoulle hoxe ao alcalde de Beariz, Manuel Prado López, a licitación para o vindeiro mes de marzo das obras que conectarán o futuro parque empresarial de Lebozán coa estrada OU-212, e que están orzamentadas en 380.000€.

Durante a xuntanza que mantiveron en San Caetano, o máximo mandatario galego e o rexedor de Beariz tamén analizaron actuacións en materia de infraestruturas que lle resultan prioritarias ao concello, entre as que se atopan a mellora das beirarrúas nalgún dos treitos da travesía de Beariz e a humanización de diferentes rúas deste concello.

No encontro, o titular do Executivo galego e alcalde abordaron cuestións vencelladas á posta en valor do patrimonio cultural deste concello ourensán, como son os dos dous importantes castros prerrománicos, situados en Garfián e Magros.

En canto ás demandas en materia de infraestruturas deportivas, Núñez Feijóo e Prado López trataron a petición do concello da construción dunha pista de pádel que, de realizarse, sumaríase a outras actuacións xa executadas recentemente no Concello de Beariz pola Secretaría Xeral do Deporte, entre as que destacan obras de ampliación e novas salas no Pavillón Municipal e a creación dunhas pistas biosaudables, cofinanciadas entre a Xunta de Galicia e este concello.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta