O presidente do Goberno galego reuniuse co rexedor José Ramón Barreal Novo

Feijóo aborda co alcalde de Laza a rehabilitación da contorna da igrexa de San Xoán e a creación dun centro de día

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Laza, José Ramón Barreal Novo, abordaron hoxe asuntos prioritarios para este concello ourensán, entre os que destacan a rehabilitación da contorna da igrexa de San Xoán e a creación dun centro de día.

Durante a xuntanza que mantiveron en San Caetano, o titular do Executivo galego confirmoulle ao rexedor o convenio HURBE necesario para levar a cabo esta actuación nos arredores da Igrexa de San Xoán de Laza e que está orzamentada nun total de 196.894€.

Así mesmo, o máximo mandatario galego e o alcalde deste municipio ourensán estudaron tamén outras accións en materia de patrimonio relevantes para o concello, como a rehabilitación da Igrexa de San Xoán. Trátase dun proxecto xa redactado, por un importe aproximado aos 500.000€, e que xa conta cos correspondentes informes sectoriais e licenza municipal.

Finalmente, o rexedor de Laza trasladou neste encontro o interese do concello en crear un centro de día nun edificio de titularidade municipal. A este respecto, o presidente da Xunta avanzoulle que este proxecto encaixaría con axudas de fondos europeos que a Consellería de Política Social está a piques de convocar.

Imaxes relacionadas